Santa Mariña, Lamas e Igrexafeita organizan os seus magostos para os próximos días

0

As asociacións veciñais de Santa Mariña, Lamas e Igrexafeita xa deron a coñecer os programas dos seus respectivos magostos, cos que o tecido asociativo mantén viva a tradición do outono e do tempo de Defuntos. As propostas inclúen nos tres casos xantares e ceas onde, sobra dicilo, non faltarán as castañas, a música e actividades pensadas para o reencontro veciñal a cuberto agora que os días van indo a menos e tamén son máis frescos. A programación comezará en Santa Mariña o sábado 31 de outubro e continuará en Lamas e Igrexafeita o 7 de novembro, cunha oferta distinta en cada parroquia para a que, en todo caso, hai que inscribirse antes.

A primeira cita será o magosto de Santa Mariña do Monte, organizado pola ACRD Santa Mariña do Monte o sábado 31 de outubro. O xantar comezará ás 14:30h e incluirá xabarín estofado, bolas na sartén con leite, liscos, viño, gaseosa, auga, pan, café, chupito e tarta xeada. O prezo é de 12 euros para as persoas socias e de 15 para as non socias. As menores de 15 anos que sexan socias non pagan, mentres que as non socias de entre 10 e 15 anos aboarán 7 euros.

As inscricións estarán abertas ata completar o espazo do local social e poden facerse chamando ao 630 811 062 ou ao 607 619 310. A partir das 19:30 horas proxectarase o documental Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, finalista nos Mestre Mateo deste ano.

Pola súa banda, a AVV Xuntanza de Lamas celebrará o seu magosto o sábado 7 de novembro, a partir das 14:30 horas. O menú neste caso estará composto por callos, castañas, sobremesa e bebidas, ao prezo de 22 euros para as persoas socias e 27 para as non socias. As menores de 10 anos poderán asistir de balde.

A xornada contará coa actuación da Corral poliafónica do Aturuxo de Melpómene, que ofrecerá as súas versións galeguizadas e cheas de retranca de grandes éxitos da música internacional. Para anotarse, hai que chamar aos teléfonos 618 838 760 ou 664 203 738 antes do 4 de novembro.

O magosto de Igrexafeita, organizado pola asociación veciñal da parroquia, será tamén o sábado 7 de novembro, no local social da entidade. A programación comezará ás 18:30 horas coa proxección da película Antes de nós, dentro do Ciclo Mestre Mateo promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello. Despois haberá un obradoiro de colares con zonchos e outras manualidades tradicionais para nenas e nenos e, ás 20:00h, o espectáculo de ilusionismo Atemporal, do Mago Charlangas.

A cea está prevista para as 21:30 horas e incluirá caldo, castañas asadas, xamón escaldado e sobremesa. O prezo é de 5 euros para as persoas socias e de 10 para as non socias. As reservas poden facerse ata o 4 de novembro nos teléfonos 696 912 975 e 650 484 580.

Share.