O XI Chanfaina Lab ofrece un obradoiro de montaxe audiovisual con Lucía Iglesias Fuentes

0

O XI Chanfaina Lab non para. Despois dunha intenso ciclo de proxeccións itinerantes polas parroquias -que prosegue agora por outros concellos- e dunha intensa fin de semana de gravacións en setembro, o encontro audiovisual tennos preparada unha nova proposta ben interesante. E é que o 30 de outubro a Aula CeMIT vai acoller un obradoiro de montaxe audiovisual impartido por Lucía Iglesias Fuentes, profesional con ampla traxectoria no sector e ganadora de tres premios Mestre Mateo. A actividade, titulada Hoxe móntase! Contando historias plano a plano, desenvolverase de 16:00 a 20:00h, será gratuíta e estará aberta a calquera persoa interesada no tema.  Fai falla apuntarse antes chamando aos teléfonos 680 389 054 ou 636 909 666.

A encargada de conducir a actividade será Lucía Iglesias Fuentes, montadora e realizadora con case vinte anos de experiencia en distintas iniciativas do audiovisual galego. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña, iniciou a súa andaina profesional ocupándose dos vídeos en liña do xornal dixital Vieiros, desde onde pasaría logo á Televisión de Galicia (TVG) como editora de vídeo en informativos e programas.

Ao longo da súa carreira tamén formou parte dos equipos de montaxe de proxectos como Eroski-Paraíso, Hierro ou Rapa. O seu traballo recibiu tres premios Mestre Mateo, o último deles pola película Antes de nós. Ademais, segue compaxinando a montaxe coa realización de informativos e programas na televisión pública e coa formación audiovisual, entre outros espazos, no Festival Audiovisual Escolar Olloboi.

O obradoiro  do venres 30 de outubro –Aula CeMIT, no primeiro andar da Casa da Cultura- permitirá descubrir como se constrúe unha historia a través da montaxe cinematográfica e de que maneira a selección, a orde e a duración dos planos inflúen no ritmo e no sentido dunha peza audiovisual.

A sesión terá unha parte práctica na que as persoas participantes no Chanfaina Lab poderán traballar co material gravado durante a fin de semana de rodaxes do encontro. O resto das persoas asistentes disporá de imaxes facilitadas pola organización para realizar os exercicios.

As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Para participar, cómpre contactar previamente coa organización a través dos teléfonos 680 389 054 ou 636 909 666.

O obradoiro de Lucía Iglesias Fuentes forma parte da programación do XI Chanfaina Lab, organizado polo Concello de San Sadurniño co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Ao son da nova regueifa, o sábado en Naraío
Sen saír do noso audiovisual, cómpre lembrar que este sábado ás 19:30h proxectarase en Naraío o filme documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, que lle rende homenaxe á improvisación, á palabra viva e á capacidade da comunidade de preservar a súa raíz cultural e identitaria. .

O pase, que é con entrada libre, forma parte do ciclo impulsado pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación da Coruña para levar ao rural títulos finalistas e ganadores dos últimos premios do cine galego. Os seguintes filmes que poderemos ver son Deuses de pedra, o sábado 31 en Santa Mariña; Antes de nós, o sábado 7 de novembro en Igrexafeita (neste caso ás 18:30h); O silencio herdado, o 14 de novembro en Lamas; e As liñas descontinuas o día 28 de novembro na Casa da Cultura.

Share.