Este venres, día de festa “extra” en Bardaos

0

O campo da festa de Bardaos volverá ser este venres, 16 de outubro, epicentro da troula comarcal cunha verbena que terá á Orquestra Cinema como actuación principal, alternando pases co grupo Unión y Fuerza. Pouco máis dun mes despois do afamado San Pipote, a parroquia vivirá unha noite de festa extra dentro do Xanela Fest, un concurso convocado por esta empresa de telecomunicacións que tiña como premio, precisamente, a actuación da Cinema. A música empezará a soar ás 23:00h nun espazo que terá todo o esperable dunha velada de altura, incluído toldo, posto de bocadillos e tamén aseos portátiles.

A Orquestra Cinema, unha das formacións que máis público mobiliza nas verbenas galegas, ofrecerá dous pases: o primeiro de 00:30 a 02:30h, e o segundo de 04:00 a 05:00h, mentres que o grupo Unión y Fuerza -contratado directamente pola comisión- estreará a noite ás 23:00h e tocará no primeiro descanso da Cinema, entre as 02:30 e as 04:00h

Bardaos suma así outro día de festa ao calendario 2026 gracias ao concurso Xanela Fest organizado pola firma galega de telecomunicacións e internet. A comisión de festas promoveu hai uns meses a candidatura en nome de San Sadurniño competindo con otros municipios do país e, tras unha campaña en redes moi intensa, tamén foi capaz de xuntar os votos que lle deron a victoria ao noso concello.

Churrascada popular o 7 de novembro
A despedida definitiva das festas de Bardaos deste ano chegará, porén, o sábado 7 de novembro, coa tradicional churrascada organizada pola comisión saínte no local social da Bañoca. O menú estará composto por empanada, callos, churrasco, bebida, sobremesa e café.

Os prezos son de 10€ para as nenas e nenos de 7 a 12 anos e para a veciñanza da parroquia e persoas colaboradoras. As persoas convidadas deberán aboar 30€. Para as nenas e nenos ata 6 anos, o xantar será gratuíto. Fai falla anotarse antes do 31 de outubro nos teléfonos  618 903 612, 626 457 182, 646 287 494 ou 603 818 233.

Antes do xantar haberá unha pequena sesión vermú animada pola orquestra Triunfo, á tardiña actuarán All Stars e pola noite seguirá a festa de novo con Triunfo, petiscando unha paella para repoñer forzas.

O 21, xantar da comisión de Santa Isabel 2027
Outra comellada que nos vén aí é a que organiza o sábado 21 de novembro a comisión de festas de Santa Isabel 2027 (si, para o ano vai haber festa na capital municipal os días 2 e 3 de xullo).

Servirán unha laconada con chourizo, sobremesa e café a partir das 14:30h. Os prezos son 25€ para persoas adultas, 12€ a partir de 12 anos e de balde para a rapazada ata 11 anos. Os tíkets poden mercarse na Floristería La Feria, no Café-bar Santos ou contactando cos teléfonos da comisión: 633 385 930, 618 850 792 ou 639 278 897.

Da parte musical encargarase DJ Sonorama, haberá animación e merenda de balde para a cativería durante a tarde-noite e, xa pola noite, serviranse pizza e liscos tamén gratis.

Share.