A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá este xoves, ás 19:00 horas, o espectáculo “Inventoras con mentes curiosas”, da compañía A Xanela do Maxín. Trátase dunha proposta para público a partir dos cinco anos na que se xoga co teatro para estimular a creatividade e a curiosidade da rapazada. Ao longo duns 40 minutos, as nenas e nenos coñecerán as historias de mulleres que fixeron achegas decisivas á ciencia e á tecnoloxía. A actividade ten entrada gratuíta e forma parte do programa Ler conta moito da Consellaría de Cultura. Desde a Biblioteca Municipal prégase confirmar previamente a asistencia no correo bbibliosansa@hotmail.com.
“Inventoras con mentes curiosas” convidará ao público a participar activamente nun percorrido por historias de mulleres brillantes que, grazas ao seu enxeño e perseverancia, conseguiron superar as barreiras sociais e culturais do seu tempo e abrir novos camiños para o futuro.
A proposta achega figuras coñecidas como Hipatia de Alexandría, considerada unha das primeiras mulleres dedicadas ao coñecemento científico, ou Ada Lovelace, pioneira na formulación das posibilidades que podía ofrecer unha máquina de cálculo programable. Xunto a elas, o espectáculo recupera tamén as achegas doutras inventoras menos coñecidas, pero con grandes ideas que contribuíron a transformar a vida cotiá e a maneira de entender o mundo.
A interacción coa rapazada e as súas familias é un dos elementos centrais da función. A través de diferentes retos e desafíos, as nenas e nenos deberán pensar, formular preguntas e buscar solucións creativas. O espectáculo pretende así fomentar o espírito investigador e a innovación, ao tempo que transmite a idea de que a curiosidade e a determinación non son unha cuestión de xénero.
Nese sentido, a actividade aborda tamén o valor da igualdade e a necesidade de reivindicar o papel das mulleres, case sempre silenciado, na historia da ciencia e da tecnoloxía. Os inventos e descubrimentos presentados permiten descubrir contribucións relacionadas con ámbitos moi diferentes: desde solucións que axudan a vivir mellor ou mesmo salvan vidas ata outras que permiten coñecer o mundo e o universo ou simplemente gozar do tempo de lecer.
Con “Inventoras con mentes curiosas”, A Xanela do Maxín busca achegarlles referentes ás nenas e nenos, ademais de estimular a súa creatividade facéndolles ver que calquera persoa pode formular preguntas, investigar, inventar e facer grandes descubrimentos.
A representación, protagonizada por Celtia Figueiras, será este xoves ás 19:00 horas na Casa da Cultura de San Sadurniño, con entrada gratuíta e recomendada para nenos e nenas a partir dos 5 anos. Desde a Biblioteca Municipal solicítase a confirmación de asistencia a través do correo bbibliosansa@hotmail.com.
