As escolas municipais de San Sadurniño irán poñendo en marcha ao longo desta semana o novo curso cun total de 130 inscricións nas distintas actividades, sen contar as escolas deportivas que xestionan o Aldebarán e a EF Irmandiños. A maior parte das solicitudes corresponden á ximnasia de mantemento, que xa comezou a semana pasada e que este ano vai contar tamén con grupo en Ferreira. En calquera caso, unha vez confirmado o inicio das disciplinas ofertadas, agora toca formalizar as matrículas, algo que poderá facerse a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa da Cultura.
A ximnasia de mantemento, con 83 persoas anotadas, mantén o mesmo calendario que o curso pasado, con sesións de 16:00 a 17:15h e de 17:30 a 18:15h, os luns en Naraío e Lamas, os martes en Igrexafeita e San Sadurniño, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Igrexafeita e San Sadurniño e os venres en Santa Mariña e Lamas. A incorporación do grupo de Ferreira amplía aínda máis a oferta, con dúas citas desde esta mesma semana que se desenvolverán no local social da Seara os martes e xoves de 18:30 a 19:30h.
No apartado cultural, as clases de gaita e percusión, con oito persoas inscritas, seguen os martes no local social de Naraío: iniciación ás 19:30 horas e perfeccionamento ás 20:30. A escola de pandeireta, que xuntou 20 solicitudes, cambia de día e lugar. Agora será os xoves na Casa da Cultura, ás 18:00 horas para iniciación e ás 19:00 para perfeccionamento, mentres que o baile tradicional será tamén os xoves, de 20:00 a 21:00 horas.
A programación complétase con Música Moderna, que inclúe tamén a actividade de Música e movemento para nenas e nenos de 3 a 6 anos. As clases de Música e movemento serán os mércores de 16:00 a 17:00 horas na Casa da Xuventude, lugar no que ese mesmo día tamén terán lugar as aulas dos distintos instrumentos ofertados.
Tamén continúa a actividade das escolas municipais de fútbol e voleibol, que se desenvolven coa colaboración da Escola de Fútbol Irmandiños e do Club de Voleibol Aldebarán. Nestes dous casos, as inscricións e a organización dos grupos corren directamente por conta das respectivas entidades deportivas.
As persoas que realizaron a preinscrición deberán agora formalizar a matrícula para completar a súa incorporación ás actividades. Para iso terán que realizar o pagamento da matrícula e do primeiro trimestre, segundo as contías establecidas na ordenanza fiscal das escolas municipais: 19,59€ de matrícula e 38,90€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65 anos, e 18,73 euros de matrícula e 25,94 de cota trimestral no caso de ser menores de 18 anos, maiores de 65 ou titulares de Carné Xove -hai que presentalo-, pensionistas e familias numerosas.
A actividade de Música Moderna conta con tarifa específica: 25€ música e movemento, 50€ as persoas maiores de 6 anos, 40€ a segunda persoa inscrita da mesma unidade familiar menor de 18 anos e 30€ de cota para a terceira persoa da mesma unidade familiar menor de 18 anos. Neste caso, ao non ter a consideración de escola municipal, non haberá que satisfacer matrícula nin o primeiro trimestre completo, senón que se deberá aboar unicamente o prezo mensual que corresponda.
Para formalizar a matrícula tanto nas escolas municipais como na actividade de Música Moderna, hai que cubrir os impresos dispoñibles para descarga algo máis abaixo e despois presentalos na Casa da Cultura -onde tamén teremos os formularios- ou a través da Sede Electrónica Municipal. O pagamento poderá facerse no momento por TPV ou ben haberá que achegar o resgardo do ingreso na conta do Concello. Tamén hai a posibilidade de domicilialo.
Folla de matrícula nas escolas culturais e deportivas
Folla de matrícula na actividade de Música Moderna e Música e movemento