No BOP do 10 de novembro de 2025 publicáronse as bases polas que se rexerá o proceso selectivo para a cobertura de 1 praza de Administrativo/a para o departamento de Administración Xeral do Concello de San Sadurniño. O procedemento tamén xerará bolsa de traballo entre as persoas que non obteñan praza, para a cobertura de vacantes ou baixas que poidan producirse no servizo.
Características dos postos: A convocatoria da praza vén recollida na Oferta Pública de Emprego de 2024 como persoal funcionario a xornada completa no grupo C1, cun complemento de destino 21.
Funcións: As funcións serán as de atención ao público, xestión do Rexistro e do Padrón municipais, a tramitación de expedientes e outros labores descritos para este perfil na Relación de Postos de Traballo do Concello.
Requisitos e titulación: Para participar no proceso selectivo hai que cumprir os requisitos establecidos nas bases, que son os habituais para calquera posto nunha Administración pública: ter a nacionalidade española ou outra que permita o acceso ao emprego público, ser maior de 16 anos e posuír a capacidade e aptitude física para desempeñar as funcións do posto. Non poderán participar as persoas que, entre outras, se encontren en situación de inhabilitación ou que fosen despedidas dunha Administración por expedientes disciplinarios.
Para acceder ao proceso selectivo tamén fai falla a titulación de Bacharelato, Formación Profesional de segundo grao ou equivalente.
Proceso selectivo: O proceso selectivo farase mediante concurso-oposición, o que implica a realización de 4 probas eliminatorias e a valoración de méritos por formación e por experiencia laboral. Os exercicios da fase de oposición, nos que se poderá obter até un máximo de 70 puntos en total, son os seguintes:
- Proba de Galego, que cualificará como persoa apta/non apta (non dá puntos), ao que terán que presentarse unicamente aquelas persoas que non acrediten o Celga 4.
- Coñecementos teóricos, que se desenvolverá cunha proba escrita tipo tes de 30 preguntas que cumprirá resolver en 40 minutos. Haberá que acadar 15 puntos para superar esta fase (1 punto pregunta acertada, -1 punto cada tres respostas erradas e -1 punto cada catro preguntas non contestadas)
- Suposto práctico: Un ou varios exercicios nos que se valorará a aplicación práctica dos coñecementos. Máximo 2 horas.
- Entrevista curricular: proba oral na que se avaliará a capacidade competencial. Aproximadamente 30 minutos.
A fase de concurso outorgará ata 20 puntos pola formación -cursos e titulación superior á esixida- e ata 10 pola experiencia laboral acumulada.
Como presentar a solicitude: É necesario presentar a solicitude que figura como anexo ás bases publicadas no BOP. Poderá facerse dentro do prazo establecido a través da Sede Electrónica municipal, presencialmente no Concello ou a través de calquera das outras vías previstas na normativa. Canda a solicitude debe achegarse copia simple do DNI, copia simple da titulación, a relación de méritos alegados (acompañada dos documentos acreditativos: contratos de traballo e vida laboral, formación.). Tamén se incluirá copia do certificado Celga 4 -se se dispón del-, e o resgardo do pagamento dos dereitos de exame: 18,79€, que teñen que ingresarse na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059.
Prazo: O prazo empezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (é importante non adiantarse, xa que só poden admitirse as solicitudes que se presenten dentro do prazo establecido, nin antes nin despois).
Documentación publicada até o momento:
Anuncio e bases da convocatoria publicadas no BOP do 10/11/2025