Desde este luns 28 de xullo e ata o venres 8 de agosto está aberto o prazo para solicitar praza no curso de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais, impulsado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña. A acción formativa, totalmente gratuíta, desenvolverase durante o outono de 2025 en fins de semana e está dirixida a persoas maiores de idade con título da ESO e empadroadas en San Sadurniño e noutros concellos da comarca Ferrolterra. As solicitudes deben presentarse preferentemente por vía electrónica, xunto coa documentación requirida.
O curso consta de 240 horas, das cales 120 se corresponden cunha proba específica de natación obrigatoria, mentres que as outras 120 horas se repartirán entre formación teórica e práctica en materia de prevención, rescate e primeiros auxilios. A formación permitirá ás persoas participantes obter o certificado oficial necesario para traballar como socorristas en Galicia segundo a normativa vixente.
Un dos requisitos imprescindibles para acceder ao curso é superar unha proba de piscina, que inclúe exercicios de apnea, natación en distintos estilos e uso de aletas, todo nun tempo máximo de 5 minutos e 30 segundos. Aquelas persoas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas do proceso.
A selección farase segundo o tempo acadado na proba física e, inicialmente, ofertaranse 25 prazas. Porén, se a demanda e os medios dispoñibles o permiten, poderían chegar a organizarse dúas edicións paralelas cun máximo de 50 prazas en total. O curso celebrarase en instalacións do Concello de Ferrol ou doutros municipios da Mancomunidade.
Para participar, as persoas interesadas deben cubrir e presentar o formulario do Anexo I da convocatoria, acompañado da copia do DNI, da certificación da titulación mínima (ESO) e do certificado de empadroamento. Toda a documentación debe enviarse preferentemente a través do rexistro electrónico da Mancomunidade, aínda que tamén se admiten as vías previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
O curso é gratuíto, mais as persoas seleccionadas deberán facer un depósito de 50 € como garantía de asistencia, que lles será devolto se completan a formación con aproveitamento. As faltas de asistencia superiores ao 10% implicarán a perda da condición de apto/a.
O prazo para presentar as solicitudes está aberto desde este luns 28 de xullo ata o venres 8 de agosto, ambos incluídos e, segundo aclara a Mancomunidade, non se admitirá ningunha petición que fose rexistrada antes da apertura do prazo. As persoas interesadas poden consultar as bases completas e descargar o formulario de solicitude na súa web.
Convocatoria BOP
Bases curso socorrismo 2025
Solicitude participación