A Técnica Municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño, Oriana López Castiñeira, impartiu este luns 21 de xullo unha charla no centro The London Institute de Ferrol, no marco do curso “SSCE0212 – Promoción para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes”. Unha acción formativa coa que se pretende capacitar futuras e futuros profesionais do ámbito dos servizos socioculturais e á comunidade nunha materia que o consistorio ten como eixo estratéxico e na que, ademais, é punteiro. Trátase do primeiro certificado profesional deste tipo que se ofrece na cidade, cun enfoque formativo orientado a detectar e erradicar situacións de desigualdade de xénero. A participación de López Castiñeira serviu para achegarlle ao alumnado unha visión práctica e persoal do traballo institucional neste ámbito.
O curso, dirixido a persoas desempregadas e con titulación oficial, busca formar futuras e futuros profesionais capaces de impulsar a igualdade en diversos contextos sociais, laborais e institucionais. Con esa finalidade, ao longo dos distintos módulos abórdanse contidos como a comunicación con perspectiva de xénero, a creación de redes de apoio e empoderamento, o acceso igualitario ao emprego ou a atención a vítimas de violencia machista.
Durante a sesión ofrecida este luns, Oriana López Castiñeira compartiu coas persoas participantes a súa traxectoria no Concello de San Sadurniño, explicando os programas que desenvolve a Administración local, as dificultades que se atopan no día a día e as ferramentas que se utilizan para promover cambios reais na sociedade. Máis alá dunha charla ou clase maxistral, a intervención da técnica municipal optou polo formato dunha mesa redonda, promovendo que o alumnado formulase preguntas e expuxese dúbidas e inquedanzas relacionadas coas saídas profesionais e os desafíos do traballo pola igualdade.
A colaboración entre The London Institute e o Concello non rematará con esta presentación puntual, posto que unha das persoas que se están formando neste curso realizará as súas prácticas profesionais na Área de Igualdade durante o mes de setembro, concretamente entre os días 3 e 23. Esta estadía permitirá poñer en práctica os coñecementos adquiridos e coñecer de primeira man o funcionamento do departamento.
A formación para obter o certificado “SSCE0212 – Promoción para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes” ten como obxectivo proporcionar a capacitación para detectar desigualdades, fomentar a participación das mulleres en todos os ámbitos e desenvolver proxectos transformadores desde a base social.
“Iniciativas coma esta consolidan unha rede de colaboración entre institucións, centros formativos e administracións públicas, clave para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria”, comenta Oriana López Castiñeira. A axente de Igualdade destaca que San Sadurniño “leva anos sendo un referente na comarca e en Galicia no compromiso coa Igualdade e no desenvolvemento de programas innovadores arredor dela”.