Implicatum propón este mércores un obradoiro en liña sobre a IA aplicada ao emprendemento

0

A consultora Implicatum organiza unha nova sesión formativa dentro do proxecto “Comunidades de Innovación Rural”, centrada na aplicación da intelixencia artificial ao emprendemento. Terá lugar este mércores 23 de xullo en formato online, de 9:30 a 13:30 h, con inscrición gratuíta. O Concello de San Sadurniño colabora na iniciativa.

A Intelixencia Artificial é unha realidade que penetrou con forza en todas as actividades produtivas, xa que pode axilizar e optimizar moitos procesos e incluso propor ideas innovadoras cunha aplicación práctica en calquera negocio que se queira poñer en marcha ou que xa estea en funcionamento.

Sabedora da importancia de estar ao día con respecto ás ferramentas tecnolóxicas dispoñibles, a consultora Implicatum ideou o obradoiro “Intelixencia artificial aplicada ao emprendemento”, que se celebrará en liña ao longo da mañá deste mércores.

A actividade está dirixida a persoas con interese en poñer en marcha ou mellorar un proxecto empresarial, ofrecendo para iso unha introdución accesible e práctica ás oportunidades que a intelixencia artificial pode achegar ao mundo do emprendemento.

Non se require experiencia técnica previa, polo que este minicurso de iniciación resulta especialmente indicado para persoas que desexen explorar novas ferramentas para innovar e avanzar nas utilidades que xa están revolucionando os negocios, grandes e pequenos.

Durante a sesión explicaranse aplicacións reais da IA, con ferramentas que permiten optimizar procesos, mellorar a eficiencia ou tomar decisións baseadas en datos. A formación busca achegar a tecnoloxía de xeito útil, sinxelo e directo, fomentando a súa integración nos proxectos das persoas participantes.

O Concello de San Sadurniño colabora activamente nesta iniciativa formativa, que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España.

A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través do correo info@implicatum.com ou chamando ao número  664 64 75 40.

Share.