O outono vén cheo de propostas escénicas e exposicións

0

De cara a este inicio de curso cultural, o Concello ten xa deseñada a programación de outono que botará a andar ao longo do mes de outubro e que vén chea de propostas escénicas e expositivas para todos os públicos. Todas elas van incluídas no boletín Novas que está chegando nestes días ás casas e, ademais, as datas e actividades están xa dispoñibles na nosa axenda en Google Calendar, que se pode sincronizar co móbil para non perder ningunha. Para as tardes dos sábados 15 e 29 de outubro e 5 e 19 de novembro hai previstos na Casa da Cultura catro espectáculos nos que se alternarán a narración oral, a música e o teatro. A eles hai que engadirlles a representación de “Os nenos da varíola” para o alumnado do CPI e tamén tres exposicións, unha delas itinerante e protagonizada polas mulleres de San Sadurniño.

Mércores 5 de outubro, 12:30h – Casa da Cultura: “Os nenos da varíola”, para a rapazada do CPI
O 30 de novembro de 1803 partiu do porto da Coruña a “Real Expedición filantrópica da vacina”, máis coñecida como “a expedición Balmis” na que unha vintena de nenas e nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña foron levados aos territorios de ultramar como portadores dos anticorpos da varíola ou, dito doutra maneira, como portadores da vacina extraída das pústulas que se creaban despois de inocularlles unha versión pouco activa do virus. A viaxe -unha das maiores xestas médicas da historia- foi convertida en novela de grande éxito pola xornalista María Solar e, posteriormente, en obra teatral en coprodución co Centro Dramático Galego.  A peza  toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña e como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filántropica da Vacina, na que a súa heroína máis esquecida, a reitora da casa, Isabel Zendal, se converteu nun dos piares máis importantes da expedición.

Sábado 15 de outubro (Día da Muller Rural), 19:00h – Casa da Cultura: “Tabú”, de Carmen Conde
“Tabú” é o novo espectáculo de narración oral de Carmen Conde, froito das conversas con mulleres de entre 70 e 95 anos de distintas zonas rurais de Galicia sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. O espectáculo faise coincidir no Día Internacional das Mulleres Rurais, que as Nacións Unidas dedican este ano ao papel feminino como sostedor da produción de alimentos.

Neste sentido, as áreas de Cultura e Igualdade están preparando o proxecto expositivo “Mulleres da Galicia máxica” con fotografías protagonizadas por varias mulleres de San Sadurniño. A mostra pretende acabar cos estereotipos sobre o significado de ser muller, muller nun contexto rural e un tanto máxico coma o noso. Prevese poder presentala o propio día 15 e logo percorrerá os distintos locais sociais empezando polo de Lamas, onde a exposición permanecerá do 12 ao 20 de novembro.

29 de outubro, 19:00h – Casa da cultura: “Crónicas do Paraíso”, de Sarabela Teatro
Peza teatral inspirada no libro “As crónicas do sochantre” de Álvaro Cunqueiro. A trama desta obra inspira unha mestura de humor e crítica social estruturada dun xeito novidoso pola compañía, que mantén o fío argumental das historias de misterio e crime ás que asiste o sochantre de Pontivy acompañado dunha comitiva de persoas finadas polos camiños da Bretaña.

5 de novembro, 20:00h – Casa da Cultura: Corral poliafónica do Aturuxo de Melpómene
Música e humor coa “corral poliafónica” do Aturuxo de Melpómene, un colectivo de creación escénica que tamén acubilla un grupo de voces que ten no seu repertorio cancións de autoría propia e outras que son versións de pezas ben coñecidas, adaptando as letras para contar con retranca historias do día a día. A “corral” está formada por 11 compoñentes de toda a comarca, entre elas o músico Carlos Mosquera “Mos” -autor dos arranxos musicais- ou o artista Leandro Lamas.

19 de novembro, 18:30h – Casa da Cultura: “Rockeamos todas” con Pakolas
Paco Cerdeira, “Pakolas” interpreta en directo unha selección dos seus propios temas, revisados e rigorosamente escollidos para a ocasión, nos que as protagonistas son as nenas e mulleres: nais, inventoras, heroínas, doutoras, figuras femininas quetratan de poñer en valor a importancia de vivir en igualdade, dehistorias contadoras de superación de desigualdades, e de loita polorespecto e a liberdade. Coa súa guitarra e a súa voz ao vivo, ás que lle arrima bases gravadas de baixo e batería, Pakolas fará gozar por igual a rapazada e persoas maiores.

Todas as representacións terán lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño con entrada de balde. E uns metros máis abaixo, na galería do Concello, tamén haberá dúas exposicións ben interesantes que lle tomarán o relevo a “20 anos de O bosque animado”, que pode visitarse até este venres.

Do 15 ao 30 de outubro: “Os camiños de Carlos Casares”, do fotoxornalista Xurxo Lobato
A exposición Os Camiños de Carlos Casares recolle 40 fotografías de Xurxo Lobato inspiradas en textos do escritor  sobre a experiencia da peregrinaxe que fixo en 1992 entre o Cebreiro e Santiago. Trátase dunha mostra promovida pola Fundación Carlos Casares en colaboración co afamado fotoxornalista incluída dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Poderemos vela na Galería do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais.

Do 1 de novembro ao 15 de decembro: “Meigas, sabias e mulleres boas”, da ceramista fenesa Carme Romero
A exposición de Xurxo Lobato cederalle o espazo da galería municipal á obra da ceramista fenesa Carme Romero, quen nos achega a súa colección “Meigas, sabias e mulleres boas” para renderlle homenaxe á meiga como peza fundamental da sociedade tradicional galega e ás mulleres donas do seu destino.

A mostra está composta por pezas policromadas duns 50 centímetros que representan caras e formas que tratan de reflectir un episodio ou unha vida destas mulleres “que non teñen nada que ver co concepto de bruxa que ten a maioría da xente. Estas son as meigas galegas que tiñan un papel importante de axuda na sociedade”, tal e como explicaba a autora nunha entrevista.

Share.