O Concello leva a wifi gratuíta a distintos espazos da zona urbana

0

O Concello iniciou hai uns días a instalación de puntos gratuítos de acceso a Internet en varios lugares da zona urbana, de maneira que se creará unha rede de conexión wifi que cubrirá o entorno do Pazo -incluídos os xardíns e os arredores do Centro de Empresas-, a Casa da Cultura e mailo Centro de Saúde e tamén a praza do antigo Concello. Incluso un pouco máis, xa que se estima que os dispositivos teñen un radio de alcance próximo aos 150 metros, sempre e cando non haxa obstáculos. A rede, denominada “WIFISANSA”, xa está operativa no entorno do Concello e cóntase activala nos restantes espazos ao longo desta semana. De momento funcionará en probas e cunha velocidade reducida, en espera de que Telefónica acenda o cableado de fibra óptica que está extendendo pola zona.

A instalación deste equipamento encádrase no programa europeo Wifi4eu, orientado a proporcionar libre acceso á conectividade wifi en espazos públicos como parques, prazas, edificios oficiais, bibliotecas, centros de saúde e museos de municipios de toda Europa. San Sadurniño foi elixido canda outros concellos galegos como un dos territorios de implantación de redes que ofrezan polo menos 30 Mb de velocidade. Neste sentido, o Concello recibiu unha axuda de 15.000 euros para o proxecto, a merca de equipamento e a súa distribución polos lugares elixidos.

Desde esta mesma semana xa é posible conectarse de balde a “WIFISANSA” diante da EIM A Rolada, no perímetro da Casa do Concello e tamén nos xardíns municipais. Nos próximos días tamén quedarán listos os “hotspots” de conexión da Casa da Cultura e da praza do antigo Concello, que darán cobertura a estes espazos e mesmo a parte de Marqués de Figueroa.

Para pillar esa wifi municipal non será necesario darse de alta nin tampouco introducir ningún contrasinal, abondará con autorizar ao móbil -ou outro dispositivo- a que se conecte a ela e xa quedará memorizada para futuras ocasións (sempre e cando se elixa esa opción no aparello).

Por agora a velocidade é moi limitada, pouco máis de 5 “megas” de descarga que dán para poucas alegrías, debido a que o cableado de cobre de Telefónica -o único que hai activo na zona- non permite ofrecer anchos de banda moito maiores e, ademais, cómpre manter un certo límite para non saturar a conexión á rede das propias dependencias municipais.

Porén, segundo parece, en breve -posiblemente a partir de xullo- a cousa cambiará para mellor coa activación da nova trama de fibra óptica que a operadora xa empezou a estender hai uns meses, dentro do proxecto de extensión da Banda Larga financiado pola Xunta con fondos europeos.

A fibra ofrecerá velocidades simétricas de entre 300 e 500 Megabits/segundo e deberá estar en funcionamento antes do 31 de agosto, aínda que todo apunta a que seguramente empece a traballar o mes que vén.

Por este motivo o Concello ten solicitadas dúas liñas con esta tecnoloxía que cubrirán as necesidades da sede municipal e da Casa da Cultura, desde onde se subministrará acceso de banda larga tamén aos novos puntos de conexión wifi cunha maior velocidade de navegación.

WiFi4eu - FB Cover.001

Share.