O Concello convoca o III Certame galego das artes pola Igualdade de xénero centrado este ano no audiovisual

0

A Concellaría de Igualdade de San Sadurniño ten preparada xa a programación referida á celebración do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller. Unha data que o Concello vai subliñar no calendario con varios eventos que se prolongarán ata finais de ano. Entre eles encóntrase o certame de creación artística que nesta ocasión se centra no audiovisual homenaxeando, ademais, á realizadora Xisela Franco. O certame é de ámbito galego e consistirá nun concurso de vídeos orixinais e inéditos que aborden en cinco minutos como máximo  temas ou historias sobre a igualdade entre mulleres e homes. Hai seis premios, dous para a categoría infantil, dous para a xuvenil e outros dous para a adulta. O prazo para presentar as obras estará aberto desde o 2 ata o 16 de novembro, e deberán entregarse nun soporte físico no Concello ou ben enviarse ao correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal  mediante unha ligazón de descarga. 

O Certame Galego das artes pola Igualdade de xénero vai este ano pola súa terceira edición e con el preténdese vencellar a creación artística coa difusión dunha mensaxe a prol da igualdade real entre mulleres e homes. Porén, o certame tamén busca homenaxear a figuras femininas de relevancia -e tamén referentes- en campos como a música, a literatura ou, neste caso, o audiovisual. Neste sentido, a proposta de 2016 elixiu á cineasta, documentarista e docente Xisela Franco. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades, Franco ten unha longa traxectoria tanto na experimentación visual como na produción de obras para cine e televisión. Entre elas destaca a curta “Cruz Piñón”, gravada dentro do primeiro Chanfaina Lab e premiada no Curtocircuito 2015.

Xisela Franco voltará a San Sadurniño o día 26 de novembro para participar na entrega dos premios dun certame ao que se poderán presentar pezas orixinais feitas en galego empregando calquera sistema de gravación, como poden ser móbiles, cámaras DSLR, táblets ou cámaras de vídeo.

O tema deberá axustarse á expresión da igualdade entre mulleres e homes desde a óptica persoal dos creadores e creadoras, que en ningún caso poderán facer curtametraxes de máis de 5 minutos de duración. O estilo é libre, xa que se admitirán documentais, ficción e animación. Iso si, sempre material orixinal, inédito e que non fose premiado con anterioridade en ningún outro certame. No caso de empregar músicas, é obrigatorio que se trate dunha banda sonora libre de dereitos ou que a persoa -ou persoas- autora da curta conte coa autorización expresa de quen teña a titulariedade deses dereitos. A organización dará por feito, ademais, que quen se presente ao certame conta coas autorizacións das persoas protagonistas dos audiovisuais en canto á difusión pública da súa imaxe.

Nos aspectos técnicos tamén existen algúns requisitos: na propia gravación deberá figurar a autoría e o título da obra e só se admitirán curtas filmadas en horizontal, xa sexa en formatos panorámicos ou 4:3. As gravacións en vertical -despiste típico cando se grava con móbiles ou táblets- non entrarán no concurso. Do mesmo xeito tamén serán eliminados automaticamente os vídeos irreverentes, que fagan apoloxía de actos delictivos ou que vulneren os dereitos fundamentais das persoas.

A entrega dos traballos poderá facerse de varias maneiras: enviándoas ao Departamento de Igualdade do Concello de San Sadurniño -Lugar do Casal 16, 15560, S. Sadurniño (A Coruña)- nunha memoria usb ou nun DVD, ou ben remitíndoas mediante unha ligazón de descarga de Wetransfer.com, Google Drive ou Dropbox.com, que se fará chegar ao correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. As pezas han de vir preferentemente en formato .mp4 (tamén se admiten o .mov ou o .avi) e acompañadas dunha pequena ficha na que conste o título, a duración, unha breve sinopse, o formato de gravación, o nome e data de nacemento da persoa ou persoas responsables da curta, un enderezo e un teléfono de contacto.

Haberá tres categorías: infantil (de 10 a 14 anos), xuvenil (de 15 a 18 anos) e adulta (de máis de 18 anos). Cada categoría está dotada con dous premios, o primeiro de 100€ e o segundo de 50€, ademais dun diploma de participación e unha copia do documental “Contra os elementos” realizado pola Deputación da Coruña, que colabora no certame.

O xurado estará formado pola directora de cine Sandra Sánchez, polo exdirector da Axencia Audiovisual Galega, Manolo González, e pola pedagoga Manuela Vilaboy. Valorarán a orixinalidade dos traballos e a consecución dos obxectivos da convocatoria. No seu veredicto -que se dará a coñecer o día 22- pesará máis o tratamento creativo que a calidade técnica, aínda que tamén se terá en conta.  O fallo do xurado será inapelable e a organización reserva para si o dereito de deixar desertos os premios, que se entregarán na tarde do sábado 26 de novembro dentro dos eventos programados co gallo do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller.

Os vídeos ganadores poderán ser difundidos en proxeccións públicas organizadas polo Concello de San Sadurniño e tamén a través das canles de comunicación municipal: youtube, facebook, twitter e www.sansadurnino.gal.

Actos programados para o 25 de novembro
O III Certame galego das artes pola Igualdade de xénero non será a única actividade convocada polo Concello co gallo do 25 de novembro. De feito, o Departamento de Igualdade tamén organizou un concurso literario entre o alumnado do CPI que despois protagonizará unha exposición ata finais de ano.

Por outra banda, o propio venres 25 desenvolverase un obradoiro de sensibilización e prevención da violencia de xénero dirixido á rapazada de 3º e 4º da ESO. Natalia Vázquez Pita, experta en coeducación e violencia de xénero da asociación APICO, axudará á rapazada a comprender esta problemática, detectar novas formas e situacións de exercer a violencia machista e identificar como é o seu funcionamento entre a poboación máis nova.

O evento central do día internacional celebrarase ao día seguinte con propostas de mañá e tarde. A partir das 11.00h. a Casa da Cultura acollerá o V Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero e ás 14.00h. haberá unha xuntanza das mulleres participantes no encontro para xantar e falaren da experiencia. Á tarde -16.30h.- a actividade trasladarase á Casa da Xuventude para unha palestra sobre violencia de xénero e, ao seu remate -a iso das 18.00h.-, volverase á Casa da Cultura para a entrega de premios do certame audiovisual, que pechará coa proxección das curtas finalistas e dunha peza da directora homenaxeada, Xisela Franco.

As inscricións nos obradoiros deberán facerse nas oficinas de Servizos Sociais do Concello, no teléfono 981 490 027 (ext. 1) ou a través do enderezo electrónico veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Ademais, durante a mañá haberá un servizo de conciliación ofrecido pola bibliotecaria municipal para atender os nenos e nenas das nais que queiran participar no encontro de autoprotección.

Descargas:
Bases do III Certame galego das artes pola Igualdade de xénero

 

Share.