A Aula CeMIT ensinará como utilizar as apps do Sergas e a maneira de acceder ao certificado de vacinación

0

A aula CeMIT de San Sadurniño ten ao longo do ano un amplo calendario de cursos sobre temas moi diversos relacionados coas TIC, ademais de solventar dúbidas ou outras necesidades que lles poidan xurdir ás persoas usuarias da Internet. Neste momento, a raíz da situación sanitaria, o maior número de consultas que recibe a aula son as referidas ao manexo dos aplicativos en liña para obter a Chave 365, descargar os certificados de vacinación e utilizar a app Sergas Móbil. Por esta razón, de cara ao mes de agosto e principios de setembro, o servizo organiza varios cursos específicos por videoconferencia que, ademais, se reforzarán con sesións presenciais nas distintas parroquias para axudarlle á veciñanza a facer todos estes trámites. Para participar na sesión virtual e para reservar cita presencial en cada parroquia hai que chamar ou enviar un whatsapp ao 616 016 793 ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal.

O curso por videoconferencia abordará catro temas principais: como acceder ao certificado de vacinación contra a COVID-19, que é a Chave365 -para que se usa e como se activa- e cal é o procedemento de descarga e instalación da app Sergas Móbil, así como a información que contén e as xestións que se poden facer con ela. A maiores tamén se mostrará que son os códigos QR e como podemos lelos co móbil.

Esta acción formativa -para a que fai falla ter ordenador, táblet ou móbil e acceso a Zoom- impartirase todos os mércores de 10.00 a 11.30h desde o 4 de agosto até o 1 de setembro.

Porén, a responsable da aula, Carmen Suárez, consciente de que poida haber persoas con dificultade para seguir o curso en liña ou que requiran unha atención máis personalizada, tamén programou sesións presenciais nos locais sociais das sete parroquias, que se desenvolverán con cita previa e de maneira individual entre as 10 e as 13.00h nas seguintes datas e lugares:

  • 2, 6, 30 de agosto e 3 de setembro – Aula CeMIT de San Sadurniño
  • 9 de agosto – Local social de Lamas
  • 13 de agosto – Local social de Santa Mariña do Monte
  • 16 de agosto – Local social de Naraío
  • 20 de agosto – Local social de Bardaos
  • 23 de agosto – Local social da Seara (Ferreira)
  • 27 de agosto – Local social de Igrexafeita

As reservas para o curso por videoconferencia e as solicitudes de cita previa para a atención presencial nos locais hai que facelas no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

 

Share.