A Aula CeMIT prepara varios cursos para outubro, un deles sobre a APP Liña Verde

0

A aula CeMIT de San Sadurniño vai retomar en outubro os cursos de alfabetización dixital, aínda que, por razóns preventivas, non serán presenciais. O catálogo, denominado “Obradoiros TIC na Casa 2020-21” optará pola videoconferencia como medio de comunicación, deixando as titorías en persoa -con cita previa- só para consultas técnicas ou problemas que non se poidan resolver por teléfono. As actividades están abertas a todos os públicos, pero diríxense especialmente ás persoas de maior idade co obxectivo de ensinarlles a manexar, precisamente, os aplicativos de videoconferencia, a mercar en Internet e mesmo a controlar o seu estado de saúde. Ademais tamén haberá dous días para coñecer o funcionamento da App Liña Verde posta en marcha polo Concello para notificar incidencias. O primeiro curso empeza o 6 de outubro, polo que fai falla ir anotándose xa a que ir anotándose xa a través do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal ou do teléfono/whatsapp 616 016 793.

A primeira actividade titúlase “Uso da videoconferencia” e está programada para os martes 6, 13, 20 e 27 de outubro de 10 a 11.30h. Verase o funcionamento básico dos programas de parola grupal ao vivo e tamén a maneira de instalalos e de configuralos, insistindo moito no control da privacidade. Skype, Zoom e Google Hangouts son os máis coñecidos, aínda que para este curso se utilizará Jitsi pola súa sinxeleza e por tratarse dun proxecto de código aberto, gratuíto e cunha seguridade elevada.

A finalidade desta actividade da Aula TIC é mostrarlle ao alumnado a maneira de comunicarse en vídeo a través da rede para facer unha “quedada” virtual con familiares e amizades, pero tamén para recibir formación ou asistir a charlas e reunións sen moverse da casa. Por outra banda, contar cunhas competencias mínimas en materia de videoconferencias será fundamental para futuras propostas da aula que, mentres se manteña a actual situación sanitaria, se impartirán preferentemente de maneira telemática.

Así será co seguinte curso, “Compras seguras por Internet”, previsto para os mércores 7, 14, 21 e 28 de outubro, tamén en horario de 10 a 11.30h. Neste caso coñeceranse as distintas maneiras que existen na rede para mercar e pagar de forma segura -tarxeta, Paypal… incluso contrareembolso-, así como múltiples trucos para aforrar comparando prezos e buscando ofertas vantaxosas.

A última acción formativa programada leva o nome de “Saúde no móbil” e fixouse para os xoves 8, 15, 22 e 29 de outubro das 10 ás 11.30h. Nesa hora e media diaria descubriranse -e poranse en práctica- as maneiras de controlar a actividade física e a alimentación, ademais de varios aplicativos gratuítos para exercitar a memoria. No curso tamén se ensinará a pedir cita médica no SERGAS sen necesidade de chamar ao Centro de Saúde e incluso se verá a maneira de consultar informes médicos.

Para apuntarse en calquera destas propostas hai que chamar ou mandar un whatsapp ao 616 016 793. Outra opción é o correo cemit.sansadurnino@xunta.gal. Todas as clases serán por videoconferencia, aínda que tamén se ofrecerá asistencia telefónica e en liña para solventar dúbidas. Se fose necesario por mor dalgún problema técnico mesmo poderían concertarse titorías presenciais chamando ao teléfono móbil da aula. Para participar é imprescindible dispor de conexión a internet (mellor a da casa, non a do móbil para non acabar cos datos), teléfono móbil, tableta ou ordenador con cámara web.

A maiores destes cursos de outubro, a Aula Tic está preparando para máis adiante outros obradoiros tamén moi interesantes: Trámites coa Administración por Internet, Iniciación ao manexo dos dispositivos móbiles (teléfonos e tabletas), Aprender a aprender coas TIC, Crea a túa canle en Youtube e Crea o teu Blog. De todos eles darase información tan pronto como estea pechado o calendario.

Formación específica para “Liña Verde”
Cómpre destacar, ademais, o minicurso “Uso da APP Liña Verde” programado para os venres 17 e 24 de outubro entre as 10.00 e as 11.30h.

Nel verase o funcionamento da APP Línea Verde -dispoñible para dispositivos Android e IOS e tamén con versión web– coa que comunicarlle ao Concello todo tipo de incidencias que se produzan no territorio: un vertedoiro incontrolado, defectos no mobiliario público, unha farola que non funciona, etc. 

O funcionamento é moi sinxelo: instálase de forma gratuíta desde a App Store ou desde Google Play, logo cumprirá elixir San Sadurniño como concello predeterminado e xa se poderá enviar calquera incidencia que se detecte no territorio.

Este novo servizo -que é gratuíto- é moito máis rápido que as chamadas ao Concello, ademais de funcionar as 24 horas do día. Por outra banda tamén axilizará o control e o historial dos problemas atopados, xa que toda a información comunicada se centraliza nun único punto onde facer un seguimento detallado sobre o seu estado e, o máis importante, saber se están solventados ou non. 

Para participar neste curso acelerado sobre o manexo do aplicativo móbil Liña Verde tamén fará falla inscrición previa a través de cemit.sansadurnino@xunta.gal ou do teléfono/whatsapp 616 016 793.

Share.