V Chanfaina Lab

0

O Chanfaina Lab abre unha nova edición cun total de 27 cineastas de dentro e fóra de San Sadurniño que durante a fin de semana do 31 de agosto ao 2 de setembro se ocuparán de reflectir, desde o seu punto de vista, o noso territorio. Xente amadora e profesional do audiovisual que acoden á chamada deste encontro audiovisual que xa se consolidou como referente da creación alternativa no norte de Galicia.

Este ano contaremos con Andrés Goteira,  Margarita LedoAser Álvarez,  Abel Vega, as youtubeiras de Teño unha horta en San Sadurniño -Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, Consuelo Picos e Lucía Pita-, Adrián Canoura, Ángela Arnosa, Javier Seoane, Kevin Lorenzo, Bieito Beceiro, Catalina Rodríguez, Cibrán TenreiroHelena Girón, Fran Bermúdez, Iago Lourido, Irene Beceiro, Lucía EstevezMar Catarina, o triunvirato The Sun Girls -Mónica Cibreiro, Graciela Galdo e Olga López-, Natalia FernándezPablo MartínezRubén DomínguezSamuel M. DelgadoSebastián RodríguezSimone Saibene e, planeando sobre todos eles, o fotógrafo Gabriel Tizón, quen volverá roubar intres de todas as filmacións do sábado e do domingo.

Ademais, tamén temos interesantes obradoiros relacionados co proceso de produción e realización cinematográfica en distintos soportes.

Venres 31 de agosto

10.00 a 14.00h. e 16.00 a 18.00h. Obradoiro: “Introdución ao son, a gravación e a interpretación do espazo sonoro local” Impartido por Carlos Suárez na Aula CeMIT.
Este obradoiro iníciase cunha charla e exercicios de escoita activa, que introducirán ás persoas participantes no mundo do son e a audición. Despois, aprenderemos a utilizar gravadoras e micrófonos para realizar gravacións de campo na contorna próxima. Finalmente, unha posta en común, onde escoitaremos as gravacións realizadas e conversaremos sobre a conexión dos sons gravados coa identidade sonora local.

Inscricións (gratuítas): 616 016 793

18.00h. Recepción de cineastas participantes na Casa da Cultura

19.00h. Foto oficial

19.30h. – 19.45h. Plantación dunha árgore na Cortiña

20.30h. Eira de Cineastas: Presentación e proxección de pezas dos creadores e creadoras participantes. Casa da Cultura

Sábado 1 de setembro

10.00 a 13.00h. e 16.00 a 19.00h. – Obradoiro: “Iluminación de andar pola casa”, na Aula CeMIT, ofrecido por Alberte Branco. Neste obradoiro abordaremos criterios básicos de iluminación e solucións para iluminar en exteriores e interiores naturais para gravacións audiovisuais. A iluminación máis complicada é ter o control sobre un exterior día. A clave dunha boa iluminación é ante todo, a observación: bos ángulos de cámara e elixir boas localizacións en términos de luz, sombras e cor.

Inscrición (gratuíta): 616 016 793

20.30h. Proxección de “Dhogs” na Casa da Cultura
O filme máis premiado na historia dos Mestre Mateo e unha das grandes sorpresas no festival de cinema fantástico de Sitges proxectarase de balde en San Sadurniño. Estará con nós o seu director, Andrés Goteira, quen presentará a película protagonizada, entre outras figuras, por Melania Cruz, Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Carlos Blanco. A entrada é gratuíta e o filme ten unha cualificación para maiores de 18 anos.

Domingo 2 de setembro

Igual que o sábado, este día dedicarase por enteiro ás gravacións polo territorio que farán os distintos equipos participantes no encontro.

<<< volver á portada

Share.