San Sadurniño é un non parar nesta recta final do verán. Trala exitosa Feira Rural da pasada fin de semana, de cara ao arranque de setembro temos xa aí o San Pipote en Bardaos -do que falaremos mañá- e o comezo da novena edición do Chanfaina lab, o encontro audiovisual que converte o noso territorio nun grande escenario cinematográfico. Este ano reuniranse do venres 6 ao domingo 8 preto de 40 creadoras e creadores, entre xente de aquí e chegada de fóra para asumir o desafío de contar unha historia sen sobrepasar os límites municipais. O IX Chanfaina lab traerá, coma sempre, experiencias compartidas, aprendizaxes e curtas deleitosas que se estrearán no mes de febreiro, ademais doutras actividades paralelas que xa comezaron hai uns días cos obradoiros impartidos por Kevin Lorenzo e Domingo D. Docampo.
Este ano o Chanfaina lab está dedicado ao castelo de Naraío e á súa importancia como enclave histórico fundamental para entender a revolución Irmandiña do século XV. O artista gráfico Juanlu Nacha trasladouno ao cartel replicando a estética do logotipo de Paramount Pictures, co que o cine abraza visualmente un dos elementos máis destacados de San Sadurniño. Un elemento que, ademais, está situado aos pés do macizo do Forgoselo, que fai de fronteira sur do Xeoparque do Cabo Ortegal e que é tamén outro dos recursos que o Chanfaina pretende promocionar.
O programa da cita comeza o venres xa ao mediodía coa recepción na Casa da Cultura das e dos participantes na edición deste ano, a quen en primeiro lugar se lles ofrecen unhas pequenas nocións sobre o territorio e un pequeno kit de axuda con teléfonos de contacto, o listado de persoas implicadas na organización e entidades que botan unha man, os aloxamentos e outra información que lles pode ser de utilidade durante os seguintes días de gravación.
Posteriormente, sobre as 12:30h, o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, daralles a benvida na Casa do Concello, xusto antes de que o grupo se achegue á finca da Cortiña para participar no xa tradicional acto de amadriñamento dunha das árbores autóctonas situadas á beira do Xubia.
Ao longo da tarde, logo da pausa para o xantar, as creadoras e creadores visitarán o castelo de Naraío e outros elementos destacados do medievo, nun pequeno percorrido guiado polo historiador e arqueólogo Eloi Saavedra. Será na fortaleza onde se faga a tamén tradicional foto de familia.
O mesmo venres, de volta en San Sadurniño, a Casa da Cultura acollerá a partir das 20:00h a “Eira de Cineastas”. A Eira é unha encontro de todas as realizadoras e realizadores participantes para presentárense e para mostraren fragmentos do seu traballo. Este ano a xuntanza -que tamén é aberta ao público- comezará cunha danza do bailarín local Mateo Couce a xeito de aurresku de benvida. O mozo, que está iniciando unha prometedora carreira profesional no mundo da danza contemporánea, ofrecerá “Nightmares” extraída do filme “Young Men”.
Sábado e domingo para as filmacións
Como nomes confirmados na presente edición temos, de novo, xente de aquí e de acolá e persoas que están empezando xunto con outras que xa son nomes consagrados do noso audiovisual. Así, no noveno Chanfaina lab contaremos con a Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xaime Fandiño, Kevin Lorenzo, lago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Xosé Antón Bocixa, Eva Lareo, Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata, e os colectivos, A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha Horta e The Sungirls.
Todas e todos eles teñen por diante dous intensos días nos que deberán concibir unha historia -se non o fixeron xa-, planificala, producila e gravala, aínda que nada lles quita de volver máis adiante se o precisan para completar o proceso. Malia que este ano se lle dedica esta primeira parte do festival ao castelo de Naraío, o tema polo que poden tirar é totalmente libre no concepto, na forma e no fondo, xa que a única esixencia é que a filmación se faga dentro dos límites municipais e que se faga o posible porque o resultado final -que veremos en febreiro- non supere os 5 minutos.
Con este simple e á vez complexo punto de partida, no Chanfaina lab cabe todo: o documental, a ficción, o humor, o experimental ou unha mestura de xéneros evocadora do embutido tradicional desta zona que lle dá nome ao propio encontro audiovisual. Mostra deste enfoque é a sección Clásicos Chanfaina lab –sábado, 20:00h, Casa da Cultura– na que se proxectarán, con entrada libre, oito curtametraxes de anteriores edicións que dun xeito ou doutro teñen como protagonista ao castelo de Naraío.
O domingo ás 20:00h, o cine cederalle o espazo da Casa da Cultura ao teatro, aínda que cunha obra onde será difícil establecer unha fronteira clara entre ambas artes. Irmáns da Costa e o finado Lino Braxe asinan o texto de “Sesión continua”, interpretada polos bucaneros Pedro Picos e Xose Bonome acompañados de Sabela Hermida. A obra, cargada de humor, é unha homenaxe á sétima arte que percorre títulos tan coñecidos como “2001, Unha odisea no espazo”, “O resplandor”, “Pulp Fiction”, “Febre do sábado noite”, “Instinto básico” ou “Psicose”, entre outras.
A representación de Bucanero poralle o ramo a unha intensa fin de semana de filmacións e outras actividades, pero non ao Chanfaina lab. De feito, até o 30 de setembro pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura a exposición fotográfica sobre as anteriores edicións do encontro audiovisual e, ademais, aínda falta por levarse a cabo un dos obradoiros formativos programados para este ano.
Será os días 9 e 16 de novembro de 10 a 13:00h, conducido polo realizador Juan Lesta, quen tratará en “Despois da rodaxe, tesoira” sobre as técnicas de montaxe posteriores á gravación. Este taller creativo, aberto a persoas con e sen experiencia, virá engadirse aos dous xa celebrados, un sobre interpretación conducido por Kevin Lorenzo e outro sobre planificación audiovisual dirixido por Domingo Díaz Docampo.
Quen queira participar no obradoiro de Lesta só ten que enviar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal ou chamar aos teléfono 616 016 793.
O Chanfaina lab está organizado polo Concello de San Sadurniño con apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Toda a actualidade do encontro pode seguirse a través das súas redes sociais en Facebook, Instagram e X, @chanfainalab.