San Sadurniño en flor

0

Este ano quedamos sen Feira da Plantación. Sería a 25ª edición, que non puido celebrarse por causa da alarma sanitaria. Pero o Concello non renuncia de todo a renderlle homenaxe á primavera e a todo o que significa de esperanza e alegría. Ademais, tras varias semanas grises, por que non poñemos un chisco de cor nas nosas vidas? Esa é a idea de San Sadurniño en flor, un proxecto co que che propoñemos engalanar con flor e planta as fiestras, balcóns, soleiras, peches e patios de todo o concello. Explicámosche como vai ser a cousa:

Cando?
San Sadurniño en flor desenvolverase ata o 30 de xuño de 2020 e, ademais, forma parte da candidatura do Concello a converterse nunha das “Vilas en flor” que hai en Galicia auspiciadas pola Fundación Juana de Vega.

Como poido participar?
Chama ao 616 332 919 ou envia un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal antes do 29 de maio indicando o teu nome, o enderezo e un teléfono de contacto.

O Concello, en colaboración con Vivergal e outros viveiros locais, preparará un lote de plantas e levarachas á casa completamente de balde. O reparto farase entre o 1 e o 12 de xuño.

Unha vez que recibas as plantas deberás pensar onde colocalas. Mellor nun lugar que se vexa ben desde a vía pública e ten en conta que podes combinar o lote do Concello con máis flores e variedades. Incluso podes engadirlle ao conxunto outros elementos decorativos: material reciclado, un caldeiro de zinc, unha caixa de madeira decorada, unha xardineira… o que queiras, bótalle imaxinación, o caso é que quede bonito e vistoso.

San Sadurniño en flor tamén ten premio
Unha vez que teñas a casa decorada sácalle dúas ou tres fotos desde o ángulo que quede máis lucido. Mándanos as imaxes por correo electrónico ou por whatsapp ao mesmo número de contacto antes do 22 de xuño.

Temos tanta seguridade de que San Sadurniño será o municipio máis floreado da provincia que ata nos atrevemos a dar 30 premios en forma de lotes de produtos de empresas locais relacionadas co sector primario. As categorías son as seguintes e lembra que é importante que a decoración sexa ben visible desde a vía pública:

  • 10 premios para as mellores composicións florais de exterior
  • 10 premios para as xanelas/balconadas máis floridas
  • 10 premios para os patios/peches/xardíns máis vistosos

Un xurado formado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros fará as valoracións dos conxuntos e incluso poderá visitar os que considere necesario. As decoracións premiadas daranse a coñecer o día 30 de xuño, así como a data da entrega de premios que, de ser posible daquela, se fará na Casa do Concello.

San Sadurniño en flor é un proxecto colectivo, canta máis xente participe, mellor. Ademais tamén quere ser unha iniciativa que tire polo turismo e que axude, aínda que sexa só un pouco, a promocionar o nosa produción local e a nosa hostalaría.

volver á portada

 

Share.