ORZAMENTO PARTICIPATIVO 2023

0

O Concello de San Sadurniño aposta pola democracia participativa e porque a veciñanza poida estar informada axeitadamente para, desta maneira, poder participar na vida municipal.

En 2008 fomos un dos primeiros municipios galegos en contar cun regulamento orgánico no que se facilita a participación directa da cidadanía nos asuntos municipais, e en desenvolver os coñecidos como Orzamentos participativos.

Porén, desde aquela pasamos por unha crise económica que afectou moi directamente aos concellos. Tamén pasamos por unha pandemia e, agora, por unha nova recesión global debida á guerra en Ucraína. A situación dos concellos mudou moito, e temos que adaptarnos aos novos tempos.

Por estes motivos, o Concello quere dar un novo enfoque ao proceso participativo, de cara a simplificalo o máximo posible, para que sexa máis áxil, máis operativo e máis doado para a cidadanía.

Neste sentido, o novo proceso dos orzamentos participativos para o ano 2023 terá tres fases:

  1. Ata o 18 de novembro realizarase unha recollida de todas aquelas iniciativas e investimentos que a veciñanza queira propoñer aos orzamentos municipais do vindeiro 2023. As propostas poderán presentarse en formato papel no Rexistro municipal cubrindo o formulario enviado  ás casas como encarte do Boletín Novas, dispoñible tamén para descarga en formato .doc.odt e .pdf (editable e imprimible desde o navegador). Outra das vías para presentar as propostas é rexistrándoas pola Sede Electrónica -usando os modelos facilitados- ou por medio deste cuestionario publicado en Google Drive. Todas as achegas serán recollidas, ordenadas e avaliadas inicialmente polos servizos municipais. É obrigatorio cubrir os datos da persoa ou entidade propoñente.
  2. Unha vez recollidas todas as achegas, o 25 de novembro ás 19:00h farase na Casa da Cultura unha única asemblea xeral aberta a toda a veciñanza que queira participar, na que se exporán as propostas presentadas e se establecerá un debate para avaliar a viabilidade das propostas e o nivel de prioridade que deberían ter nos orzamentos municipais.
  3. As propostas seleccionadas pola asemblea veciñal serán ordenadas e priorizadas. Aquelas que sexan viables poderán ser incluídas nos orzamentos, e o resto quedarán nunha bolsa de ideas á espera de novas fontes de financiamento.

Recordade, as propostas poderán presentarse ata o 18 de novembro

A asemblea de debate público das ideas e proxectos presentados terá lugar na Casa da Cultura o 25 de novembro ás 19:00h

 

 

 

Share.