O Concello proponlle á Xunta participar nunha nova fase de consolidación do castelo de Naraío

0

O director territorial na Coruña da Consellaría de Cultura, Severino Álvarez Monteserín, e a delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros Barros, visitaron esta mañá o castelo de Naraío na compaña do alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e de parte do equipo de goberno, ademais do arquitecto José Antonio Alonso Rodríguez. O obxectivo da visita foi amosarlles sobre o terreo aos responsables autonómicos o estado actual da fortaleza e explorar a posibilidade de colaboración da Xunta nunha nova fase de conservación e investigación do ben. A actuación, cuantificada nuns 190.000 euros, financiarase previsiblemente con fondos da Deputación da Coruña e estará centrada na consolidación de estruturas, especialmente dos muros inferiores, na mellora dos percorridos e na investigación arqueolóxica, co propósito de avanzar no coñecemento do monumento e facilitar as visitas. A proposta que se lle formulou esta mañá aos representantes do goberno galego é que, igual que na anterior fase, a Xunta custee a redacción do proxecto técnico e a dirección da obra.

O proxecto, denominado Actuación de estabilización, definición e posta en valor do Castelo de Naraío, viría darlle continuidade aos traballos realizados en fases anteriores -a última finalizada en 2020- e busca frear o deterioro de distintas partes da fortaleza, ademais de axudar a comprender mellor a súa configuración arquitectónica e os usos que tivo ao longo da historia.

Tal e como explicou no percorrido o arquitecto José Antonio Alonso Rodríguez -responsable das anteriores fases de consolidación e bo coñecedor da arquitectura do castelo- a intervención centrarase na consolidación da base da Torre da Homenaxe, coa retirada controlada dos derrubes, a clasificación e recolocación das pezas de cantaría recuperables e a estabilización dos elementos afectados. No primeiro recinto amurallado tamén se consolidará o muro de contención situado ao norte da torre e retiraranse os restos acumulados na saída da poterna para facilitar a identificación deste paso e mellorar a circulación polo interior da fortaleza.

Os traballos incluirán a reparación do contraforte que pecha o segundo recinto amurallado, afectado pola auga, a vexetación e o deterioro dos materiais, así como a limpeza das zonas de actuación e o acondicionamento dos accesos e das sendas interiores. O criterio será manter o castelo como unha ruína visitable, sen reconstruír os elementos desaparecidos nin alterar a autenticidade dos restos conservados.

A actuación incorporarase cun seguimento arqueolóxico das escavacións e da retirada de derrubes, especialmente na contorna da Torre da Homenaxe e da poterna, para documentar novas evidencias sobre a evolución do castelo, que conta con elementos construtivos datados no século XII, segundo as últimas investigacións.

Os traballos están recollidos nunha memoria valorada que estima un prazo de execución de cinco meses e un orzamento de 190.000,56 euros, IVE incluído. Un importe que o Concello confía en obter da Deputación da Coruña a través da súa liña de axudas para a protección do patrimonio cultural.

Durante a visita, o Concello trasladoulle ao director territorial de Cultura, Severino Álvarez Monteserín, e á delegada autonómica en Ferrol, a súa petición de que a Xunta de Galicia tamén se implique no desenvolvemento desta nova fase asumindo os custos da redacción do proxecto técnico, así como a dirección de obra e de seguridade.

“A colaboración da Consellaría sería practicamente a mesma que na fase anterior, finalizada a comezos de 2020, e permitiría completar o financiamento necesario para levar adiante a intervención”, explicou o alcalde, Secundino García Casal despois da visita. O rexedor engadiu que ambos representantes da Xunta “comprometéronse a ver as dispoñibilidades orzamentarias e o posible acomodo da colaboración nas partidas deste ano”. “Aínda que o de hoxe foi unha primeira toma de contacto, agradecémoslles o interese que mostraron e confiamos en que finalmente Cultura tamén se sume ao proxecto igual que fixo en anteriores ocasións”, dixo García Casal.

 

Share.