IV Chanfaina Lab

0

banner 500x262

A primeira fin de semana de setembro volve o Chanfaina Lab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva na que o protagonismo é de San Sadurniño, da súa xente e da súa paisaxe.

O proxecto está aberto a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou axudándolle de distintas maneiras á xente que vén de fóra: colaborando con ela na localización de escenarios, botándolle un cabo na produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das súas historias.

Para participar no Chanfaina Lab non fai falla experiencia previa nin tampouco hai límite de idade. Se te animas envía un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chama ao 616 016 793.

Para esta cuarta edición xa hai varios nomes confirmados de dentro e fóra de San Sadurniño e un programa que se amplía con varios obradoiros e charlas.

Entre os realizadores e realizadoras contaremos con Abel Vega, Alberto Lobelle, Ana Pontón, Ángel Rueda, Anxos Fazáns, Bieito Beceiro, Carmen Bouza, Carmen Couce, Carmen Leira, Carlos Viana, Carmen Rey, Con Suma Conciencia, Consuelo Picos, Cristina De La Torre, Cruz Piñón, Fran Bermúdez, Lara e Noa Castro, Lucía Pita, Olaia Sendón, Oliver Laxe, Pablo Martínez, Sebastián Rodríguez, Vicente Vázquez… e algunha que outra incorporación de última hora.

Actividades paralelas

Venres 1 de setembro
10.00h. “Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados” na Casa da Xuventude-Aula CeMIT, 15 prazas.
Neste obradoiro impartido por María Yáñez coñeceremos a fondo a orixe e a gramática de memes, microvídeos e gifs animados, e aprenderemos tamén algunhas bases prácticas para producir as nosas propias pezas e crear memes que poidan funcionar a nivel local. Fai falla móbil e, se se quere, tamén portátil para poñer en práctica todo o que ensine Yáñez, unha das xornalistas transmedia máis reputadas do país.

16.30h. “Monta-móbil” na Casa da Xuventude, 15 prazas.
Curso intensivo de montaxe centrado na edición e montaxe completa dun vídeo no móbil ou táblet para distribuílo despois polas redes ou xerar unha copia que se poida ver en distintos dispositivos. A actividade impartiraa Juan Lesta, experto en audiovisual e un dos fundadores de Esferobite.

20.00h. Eira de cineastas, na Casa da Cultura, entrada libre.
Presentación e proxección de pezas realizadas por cada unha das persoas participantes na presente edición do encontro.

Sábado 2 de setembro
20.00h. Cinema rural portugués, na Casa da Cultura, entrada libre.
Pase de curtametraxes contemporáneas producidas en contornos rurais de Portugal, presentado por Carlos Viana.

Domingo 3 de setembro
17.00h. Cine rural. O cinema da soberana sumisión, na Casa da Cultura, entrada libre.
O multipremiado realizador Óliver Laxe achegará unha mirada á creación audiovisual do rural galego desde a súa experiencia como cineasta á marxe dos circuítos comerciais e das narrativas convencionais.

Share.