Dun tempo a esta parte, o Concello arrímalle á celebración da Feira da Plantación o programa “Apostando polo sector primario” coa finalidade de mostrarnos as posibilidades que ofrece o medio rural para atender os mercados alimentarios de proximidade con produtos diferenciados e da máxima calidade. As xornadas técnicas deste 2022 van ter lugar na Casa da Xuventude os días 22, 23 e 29 de abril e máis o venres 6 de maio. Trátase dunha actividade gratuíta que require inscrición previa para cada unha das sesións a través do 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Venres 22 de abril, 18:30h: “Alimentar a comarca desde o local? O potencial de Ferrol-Eume-Ortegal para se autoabastecer de alimentos”
Xoán Carlos Carreira Pérez, Doutor Enxeñeiro Agrónomo e profesor xubilado da Universidade de Santiago, falará sobre soberanía alimentaria e máis concretamente sobre a capacidade da nosa zona para se autoabastecer de produtos frescos e elaborados. Algo no que poderían desempeñar un papel importante as iniciativas para consumo familiar, as pequenas explotacións ou as centradas na agroecoloxía.
Sábado 23 de abril, 11:00h: “A experiencia do Centro Colaborativo Daquí Darredor de Brión”
Daquí Darredor é un dos centros integrados na Rede de Coworking da Deputación da Coruña e concíbese como espazo colaborativo para a transformación de alimentos -conservas, zumes, etc-, igual que no Centro A Fusquenlla instalado en Moeche, que proximamente iniciará a fase de formación para persoas usuarias. Na charla que se ofrecerá en San Sadurniño contaremos cos relatorios de Lucía Ferreira falando sobre elaboracións con cabaza, con Carlos Álvarez tratando o cultivo de setas gourmet e medicinais, e con Santiago Yáñez, quen posúe unha plantación de maceiras en Muxía e produce zume.
Venres 29 de abril, 18:30h: “A apicultura como alternativa económica”
Iago Vilela, enxeñeiro de montes, apicultor e técnico na Casa do Mel de Goente, impartirá unha charla sobre o mundo da apicultura dándo razóns para dedicarse a esta actividade e tamén información sobre como facelo: axudas, alta como persoa apicultora profesional, posta en funcionamento da explotación, comercialización, contabilidade, etc.
Venres 6 de maio, 18:30h: “Oportunidades de emprendemento agroalimentario e desenvolvemento rural”
Á última das charlas de “Apostando polo sector primario” virá como convidado José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Esta entidade traballa desde hai décadas no desenvolvemento agrario e económico do rural galego e ten en marcha un programa de apoio ao emprendemento do que xa xurdiron varios proxectos dedicados á produción e transformación agroalimentaria.
Para participar en cada unha destas xornadas fai falla inscrición previa, chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ata catro días antes da sesión á que se queira asistir.
Só hai 35 prazas dispoñibles en cada unha delas e terán prioridade as persoas empadroadas en San Sadurniño ou as que sexan socias das entidades que colaboran na organización: a Asociación Galega da Froita Autóctona, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel.
Inscricións na XXV Feira da Plantación
O programa formativo arredor das posibilidades do rural arroupa a celebración da XXV Feira da Plantación de San Sadurniño, que regresa o domingo 24 de abril tras dous anos de parón forzado pola pandemia. Un regreso que trae novidades, entre elas o traslado do evento á finca da Cortiña -ao pé do paseo fluvial do Xuvia- e a posibilidade de que os expositores contraten co Concello a montaxe de haimas ou carpas no caso de que non dispoñan delas (se queren poden montar de balde as súas propias no espazo solicitado).
Para vender na feira os postos deberán presentar a solicitude antes das 14:00h do día 19 de abril no rexistro municipal, na Sede Electrónica, por correo postal ou enviándoa a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar: 5€ de 1 a 5 m, 15€ de 6 a 15 m de frontal e 25€ para postos comprendidos entre os 16 e os 25 metros liñais. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse de balde. Se se lle solicita ao Concello a instalación de carpa no lugar reservado polo expositor, o prezo son 75€ para unha de 5×5 m e de 200 por unha de 12×6 m.