“Apostando polo sector primario” volverá darnos claves para reactivar o rural

0

Durante tres días de novembro (o 8 o 15 e o 16) a Casa da Xuventude de San Sadurniño volverá acoller as xornadas “Apostando polo sector primario”, organizadas polo Concello coa colaboración da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a Casa do Mel e a AGFA do Eume. Unhas xornadas que, un ano máis, nos achegarán casos de éxito na reactivación do medio rural, ademais dalgunhas claves para avanzar na sostenibilidade e na soberanía alimentaria.  A programación inclúe charlas e tamén dúas visitas ás instalacións da Fusquenlla, o centro que xa está contribuíndo a dinamizar a pequena produción agroalimentaria da comarca. A participación en calquera das actividades é gratuíta e non require inscrición previa. 

As xornadas comezarán o venres 8 de novembro ás 19:00h cunha sesión sobre o “Envasado e comercialización de produtos apícolas”, impartida polo apicultor e técnico da Casa do Mel Iago Vilela. Esta charla ofrecerá información sobre as posibilidades económicas do mel e doutros produtos das abellas -pole, própole, xelea, cera…-, ademais de abordar a normativa reguladora, o etiquetado, a presentación e as estratexias para posicionar no mercado un produto diferenzado que teña boas perspectivas comerciais. Ao rematar, as persoas asistentes poderán visitar o Centro de Transformación Agroalimentaria “A Fusquenlla” en Moeche, que conta cun espazo específico para a extracción e transformación de produtos apícolas.

O venres 15 de novembro, tamén ás 19:00h, o profesor e investigador Tonecho Meixide, quen agora desenvolve o seu traballo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), falará sobre o “Presente e futuro da fruticultura en Galicia”. Esta sesión será unha oportunidade para coñecer os retos e oportunidades do sector froiteiro galego, que ten altas posibilidades de crecemento debido á demanda de produtos de proximidade e alta calidade. Meixide analizará a situación produtiva e normativa actual en relación coas tendencias dun mercado que cada vez tende máis ao local, aínda que sen perder de vista o global, onde tamén hai oco para a froita galega en fresco, desecada ou transformada en zumes e marmeladas de alto valor engadido.

O sábado 16 de novembro, as xornadas concluirán cunha dobre actividade. Ás 10:00h, Eva Quiroga presentará o proxecto “EoAlimenta”, que explora estratexias para unha agroalimentación sostible desde o punto de vista ambiental e social, artellando arredor de si a pequena produción da biorrexión do Eo, limítrofe entre Galicia e Asturies.

Máis tarde, ás 12:00h, e xa de volta nas experiencias da comarca, as produtoras  Carmen Caínzos -promotora da marca “Ay! Carmen”- e Cynthia Arias -que cultiva e envasa baixo a denominación “Bieiteiras”- compartirán as súas “Experiencias na Fusquenlla”, ofrecendo unha perspectiva en primeira persoa sobre os desafíos e beneficios de participar en proxectos de autoconsumo e produción local e, nomeadamento, sobre a súa experiencia traballando nas instalacións do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, promovido por San Sadurniño e outros seis concellos da comarca. Ademais tamén coñeceremos as impresións de Susana Senra, quen emprega o centro para elaborar distintos envasados para autoconsumo. Esta segunda actividade da mañá rematará cunha nova visita á Fusquenlla.

As xornadas “Apostando polo sector primario” encádranse na estratexia iniciada hai xa varios anos polo departamento de Desenvolvemento local para promover a reactivación agroalimentaria do rural, tendo presente a sostenibilidade social e ambiental recollida nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que San Sadurniño asumiu poñer en práctica. E é que potenciar a produción alimentaria de proximidade non só reduce a pegada de carbono asociada ao transporte, senón que tamén fortalece a economía local, creando emprego e asegurando o futuro do sector primario na comarca. Segundo o concelleiro de desenvolvemento local, Manolo Varela, “apostar polo desenvolvemento local é apostar pola nosa xente e polo noso territorio. Estamos comprometidos en apoiar aos pequenos produtores e en impulsar un modelo económico que respecta o medio ambiente e promove unha alimentación saudable e accesible para todos.”

Share.