A primeiros de setembro volve o Chanfaina Lab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva na que o protagonismo é de San Sadurniño, da súa xente e da súa paisaxe. O proxecto está aberto a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou axudándolle de distintas maneiras á xente que vén de fóra: colaborando con ela na localización de escenarios, botándolle un cabo na produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das súas historias.
Para esta novena edición xa hai cerca de 40 de participantes confirmados de dentro e fóra de San Sadurniño e un programa de proxeccións e actividades paralelas entre os que destacan os obradoiros impartidos por Kevin Lorenzo, Domingo Díaz Docampo e Juan Lesta, ademais do espectáculo “Sesión contínua”, de Bucanero Teatro.
Na edición deste ano do Chanfaina lab confirmaron a súa participación Carlos Amil, Ángela Arnosa, Milagros Bará, Bieito Beceiro, Rocío Campoy, Gon Caride, Brandán Cerviño, Area Erina, Pablo Fontenla, o propio Leandro Lamas acompañado do músico e creador visual Roberto Grandal, Fran da Lobeira, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, Álvaro Núñez, Enrique Otero, Anxo Pena, Irene Pin, Cruz Piñón, Gala Rodríguez, Abel Vega e os colectivos NaraíoMedia, A Riqueira, The Sungirls e Teño unha horta.
VENRES 5 SETEMBRO
11:00h a 12:00h Recepción de cineastas na Casa da Cultura.
12:30h Acto oficial de benvida na Casa do Concello.
13:00h Porfillado da árbore conmemorativa do X Chanfaina lab no arboreto da finca da Cortiña.
16:00h Visita xeolóxica e cultural ao Pico de Ferreira (traslado en autobús só para participantes do Chanfaina lab). Este ano o Chanfaina lab dedícaselle ao Pico de Ferreira, como elemento da nosa paisaxe de grande valor simbólico e cultural, ao que antano acudían persoas de toda a volta para curar males de corpo e espírito deitándose no sartego que se encontra no seu cume, coñecido como a Cama de San Vicente. Porén, o pico tamén se ergue como un peculiar inselberg (un monte-illa) formado polos restos máis duros da Cordilleira Varisca, que resistiron millóns de anos de erosión. De feito o Pico de Ferreira é un dos enclaves máis interesantes do Xeoparque do Cabo Ortegal e, por esa razón, vai facerse un pequeno percorrido tendo como guía ao Doutor en Xeoloxía Franciso Canosa, xeólogo do xeoparque mundial da UNESCO. Neste punto aproveitarase para facer a foto oficial do X Chanfaina lab.
19:00h Presentacións e proxección da “Eira de cineastas” (118 minutos). Selección de filmes dos e das cineastas deste ano, que nos presentarán fragmentos de obras representativas do seu estilo e universo creativo. Ademais, a Eira de Cineastas é o xeito de darse a coñecer perante o público e o resto do grupo participante nesta edición do encontro audiovisual. Casa da Cultura. (Entrada libre): Aurresku: “Feitizo” videoclip de Encrucillada dirixido por Gabriel Croanuer; “A casa da luz”, de Carlos Amil; “Punto de ignición”, de Ángela Arnosa; “Crónica de un hombre bueno/Autopsia”, de Milagros Bará; “(Des)conexión”, de Bieito Beceiro; “Una estrella se estrelló“, de Rocío Campoy; “Morte e o meu avó”, de Gon Caride; “Querida presencia”, de Brandán Cerviño; “Eu, a escola”, de Fran da Lobeira; “Aurora” (fragmento), de Area Erina; “Histeria do meu pequeno mundo”, de Pablo Fontenla; “O Apalpador”, de Leandro Lamas e Roberto Grandal; “O pano de seda“, de Kevin Lorenzo; “Solposto”, de Iago Lourido; “A miña cor preferida é o verde”, de Pablo Martínez; “A voz que cala”, de NaraíoMedia; “Hidrolatrías”, de Álvaro Núñez; “Crebinsky” e “Honeymoon” (tráiler), de Quique Otero; “Vella e soa”, de Anxo Pena; “Rent-a-pal”, de Irene Pin; “Anguria”, de Cruz Piñón; “A lenda do Pozo dos Donceis” (fragmento), de A Rigueira; “C.O.I.A.”, de Gala Rodríguez; “No tempo dos escapados”, de Teño unha horta; “Onde me leven”, de The Sungirls; “O parto da Parda” (fragmento), de Abel Vega.
23:45h Concerto da banda Nebra na Sala DZINE. Gracias ao programa DinamizARTJ dirixido ás zonas dos convenios da Transición Xusta, chega a San Sadurniño o grupo Nebra, quen presentará o disco “Sereas”, o seu primeiro traballo. Unha proposta inspirada nas cantigas tradicionais que incorpora sons electrónicos, baixo e percusión cunha sonoridade distinta.

SÁBADO 6 SETEMBRO
10:00h Encontro e gravacións de cineastas.
17:00h Presentación do libro “O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas” no Local social de Lamas, en colaboración coa Libraría Brétema. O profesor Manolo González asina a biografía de Alfonso Piñón, activista cultural e político nado en Ferrol en 1887 que, ademais, lle dá nome ao premio impulsado o ano pasado no noso encontro audiovisual. Piñón adoptou o alcume “Bernardino de Lamas” polo amor que lle tiña a esa parroquia de San Sadurniño que consideraba o lugar máis fermoso do mundo. Coñeceremos as súas estadías polo Val de Lamas sobre o que escribiu con agarimo no xornal “El Correo Gallego” e tamén filmou coa súa cámara Pathé Baby entre 1924 e 1934. No decurso da presentación proxectaranse algúns filmes de Bernardino de Lamas. O pintor Leandro Lamas converteuno -xunto co Pico de Ferreira- en protagonista do cartel deste ano.
19:30h Proxección e debate “Antes de Nós”. Casa da Cultura. (Entrada libre).O filme, dirixido por Ángeles Huerta, é unha mirada ao Castelao máis humano e á relación que mantiña coa súa dona, Virxinia Pereira, en dous momentos clave das súas vidas. O pase encádrase nos actos do Ano Castelao e irá seguido dun coloquio co guionista do filme, Pepe Coira, e co profesor e investigador Manolo Rei, autor do libro “Castelao, desta terra e deste tempo”.
DO 5 AO 30 DE SETEMBRO
Exposición fotográfica sobre as anteriores edicións do Chanfaina lab. A mostra pode visitarse no recibidor da Casa da Cultura durante o horario de apertura do centro e da Biblioteca Municipal.
OBRADOIROS
20 e 23 de agosto, de 16:00 a 20:00h – Dirección de Fotografía, ofrecido polo fotógrafo Iago Lourido.
21 e 23 de agosto, de 16:00 a 20:00h – Interpretación para cine, co actor Kevin Lorenzo.
Ambos obradoiros son gratuítos e desenvolveranse na Casa da Xuventude. Inscricións en cemit.sansadurnino@xunta.gal ou no 616 016 793
