Os concellos polos que discorre o camiño real que une Mondoñedo con Ferrol, bautizado como o Camiño do Bispo, acordaron esta semana, iniciar o proceso para fixar o trazado desta ruta e convidar a sumarse á iniciativa aos municipios de Vilalba e As Somozas, polos que transcorren pequenos tramos da ruta. A representación dos gobernos locais de San Sadurniño, As Pontes, Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade e Neda, tamén deciu formalizar unha agrupación de concellos co obxectivo de impulsar o camiño como eixo vertebrador e de desenvolvemento do norte de Galicia.
Xa en 2022, os municipios rubricaron o seu compromiso co desenvolvemento, protección e posta en valor do Camiño Real de Mondoñedo a Ferrol, apostando pola súa riqueza natural e polo seu grande patrimonio material e inmaterial como factores vertebradores do territorio, principalmente a través do turismo. O convenio asinado viña precedido da concesión da Compostela por parte do Cóengo Delegado de Peregrinacións do Cabildo da Catedral de Santiago. Un recoñecemento que abriría as portas á consideración do camiño como parte da ruta xacobea.
A través do acordo, por outra banda, os sete concellos comprometíanse a presentar a candidatura do Camiño do Bispo para a súa inclusión no rexistro de Camiños Culturais da Consellería de Cultura, previa elaboración dos estudos da traza histórica de cada municipio.
O Camiño do Bispo é segue o itinerario que, segundo a documentación histórica, fixo o bispo Luis Tello de Olivares no século XVII na súa visita ás parroquias da diocese. O camiño vén desde Mondoñedo e cruza a Terra Chá para logo vir por Muras, Xermade e As Pontes ata entrar en San Sadurniño tras pasar polas Somozas.
No noso concello o percorrido histórico -que coincide co Camiño Real- empeza en Igrexafeita, baixa pola beira do Castro até Naraío e despois sobe polo Gandarón até San Pedro de Anca, onde colle rumbo cara ao Roxal. En terras nedenses o Camiño do Bispo segue o cauce do Belelle até a súa desembocadura, ao pé da igrexa de San Nicolás, onde enlaza co Camiño Inglés a Compostela, ademais de cadrar tamén co arranque do Camiño de Santo André de Teixido.
Unha vez se teña definido o trazado -labor que xa está moi avanzado-, o que toca é fomentalo como elemento turístico e incluso como factor de desenvolvemento socioeconómico dos municipios polos que pasa, levando a cabo accións conxuntas. “Agardamos que As Somozas e Vilalba tamén se sumen ao proxecto e así, entre os nove concellos, acometer esa posta en valor da que levamos tempo falando, buscando un mellor coñecemento do camiño e a súa difusión por medio de indicadores, folletos e outros materiais”, explica Secundino García, quen avoga -igual que os demais responsables municipais- por “implicar a outras administracións, como poden ser a Xunta ou as Deputacións da Coruña e de Lugo”.
A responsable de Participación veciñal e Axenda 2030, Raquel Piñeiro, que tamén participou na xuntanza, sinala como factor clave “que propios e visitantes teñan claro que o Camiño do Bispo é enlace histórico entre as rutas xacobeas que veñen de Francia e Inglaterra, de maneira que o Camiño de Santiago tamén se pode facer con todas as da lei á hora de obter a Compostela pasando polas Pontes ou por San Sadurniño”.
Os concellos reunidos a empezos desta semana nas Pontes manterán un novo encontro día 24 de febreiro no concello de Abadín para seguir avanzando na procura de fórmulas para impulsar este proxecto.