Os concellos do “Camiño do Bispo”, decididos a convertelo en ruta xacobea

0

Os alcaldes dos sete municipios polos que discorre o Camiño do Bispo, Camiño Real entre Mondoñedo e Ferrol e ruta de conexión entre os camiños francés e inglés, unen forzas a favor da súa conservación, posta en valor e divulgación. Así, onte á tarde, os rexedores de Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade, As Pontes, San Sadurniño e Neda rubricaban un convenio a sete bandas para materializar esa necesaria colaboración encamiñada ao recoñecemento do itinerario como camiño cultural nunha primeira fase, e como Camiño de Santiago como obxectivo último. O acto tivo lugar na Casa das Palmeiras de Neda, coa asistencia de José María López (alcalde de Abadín); Valentín González Formoso (As Pontes), Manuel Ángel Otero (Mondoñedo), Manuel Requeijo (Muras), Ángel Alvariño (Neda), Secundino García (San Sadurniño) e Roberto García (Xermade).

O acordo chega despois da concesión da Compostela por parte do Cóengo Delegado de Peregrinacións do Cabildo da Catedral de Santiago. Un recoñecemento co que se lle daba resposta á solicitude cursada polo Concello das Pontes, e que abría a posibilidade de expedir a Compostela nos municipios polos que discorre o coñecido como Camiño Real, que no caso de San Sadurniño discorría polas parroquias de Naraío e Igrexafeita.

Sobre del, e coa documentación histórica dispoñible, fíxose unha aproximación en etapas baseada no itinerario que puido ter percorrido o bispo Luis Tello de Olivares no século XVII na súa visita ás parroquias da diocese. Esa é a razón de que se elixise a denominación de “Camiño do Bispo” para un trazado que maiormente coincide co da antiga estrada das Pontes. Neste sentido, no convenio asinado onte fálase do Camiño Real de Mondoñedo a Ferrol como ben cultural que precisa “unha intervención conxunta para a súa protección e posta en valor” en relación aos elementos do patrimonio cultural -materiais e inmateriais- e dos espazos naturais existentes ao longo desta vía.

A través do acordo, os sete concellos comprométense a presentar a candidatura do “Camiño do Bispo” para a súa inclusión no rexistro de Camiños Culturais da Consellería de Cultura, previa elaboración dos estudos da traza histórica de cada municipio. Esa declaración, xunto ao recoñecemento eclesiástico
xa logrado, abriría as portas á consideración do camiño real como ruta xacobea.

Ademais, os concellos tamén asumen o compromiso de levar a cabo traballos de conservación e mellora do trazado no seu termo municipal, e o de  facer “un especial esforzo en materia de difusión do itinerario”,
con mencións específicas nas webs municipais, redes sociais, folletos e materiais promocionais -formato físico ou dixital-, “e facilitando información sobre o mesmo nas súas oficinas de turismo”.

O convenio, cunha vixencia de 4 anos prorrogables por outros 2, contempla tamén a posta en marcha dunha comisión de seguemento, vixiancia e control do convenio, que integrará unha persoa en representación de cada un dos sete municipios polos que discorre o “Camiño do Bispo”.

Share.