O Concello contratará unha persoa durante nove meses dentro do APROL Rural 2023

0

A San Sadurniño correspondéronlle este ano 13.970 euros do programa APROL Rural convocado pola Xunta para favorecer o emprego a través da contratación durante 9 meses de persoas traballadoras desempregadas que fagan  tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios. Neste sentido, o Concello xa ten listas as bases para efectuar o correspondente proceso selectivo dunha persoa coa categoría de oficialía forestal, que se fará solicitándolle ao Servizo Público de Emprego de Galicia un listado de candidatas e candidatos que cumpran os requisitos e cun perfil laboral axeitado á convocatoria.

A diferenza dos contratos temporais do PEL provincial -convocados tamén hai uns días-, no caso do APROL Rural non hai un prazo de presentación de instancias nin tampouco se pode solicitar directamente no Concello a participación no proceso selectivo, senón que este se efectuará unicamente entre o listado de aspirantes que envíe o SPEG. Por este motivo o Concello insiste en que se debe ter ao día a tarxeta de demandante de emprego e que, ademais, tamén se lle teñan indicado ao Servizo Público de Emprego de Galicia os tipos de traballos que cadren co posto ofertado pola Administración local, de acordo co listado Código Nacional de Ocupación da Seguridade Social. Nese listado aparecen descritas case todas as profesións cos seus números clave, que son os que nos pon na ficha o servizo de emprego cando nos inscribimos como demandantes.

É dicir, se por exemplo a oferta é para un contrato de Oficial/a forestal -como é o caso- e a nosa inscrición no SPEG é co código 6410 “Traballadores/as cualificadas en actividades forestais e do medio natural”, teremos case todas as garantías de que o servizo público de emprego nos inclúa no listado de persoas preseleccionadas que poderán participar no proceso selectivo.

O posto financiado polo APROL Rural cubrirase mediante un contrato temporal para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral. Será de 9 meses de duración a xornada completa, cun salario bruto de 1.260 euros ao mes, incluída a parte proporcional das pagas extra.  O perfil que se buscará é o dunha traballadora ou traballador que faga tarefas de limpeza e mantemento de vías e propiedades municipais.

Unha vez que o SPEG envíe a relación de aspirantes, o Concello fará os chamamentos e levarase a cabo entre eles e elas un proceso selectivo mediante concurso, valorando a formación recibida en cursos de capacitación relacionados co posto e tamén as circunstancias socioeconómicas das persoas candidatas. Entre estas últimas estarían a de ser menores de 30 anos ou maiores de 45 en situación de desemprego, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, ter esgotado as prestacións, non percibir subsidios nin rendas non contributivas, ter algunha discapacidade recoñecida, pertencer a colectivos desfavorecidos, etc.

Cómpre ter en conta, iso si, que non poderán acceder ao programa as traballadoras e traballadores que foran contratados  por un período igual ou superior a nove meses con cargo ás axudas concedidas en 2022 pola Consellaría de Emprego e Igualdade para programas de emprego similares.

O contrato que se formalice con cargo ao APROL Rural sumarase aos outros dous de carácter temporal -5,5 meses- financiados polo PEL da Deputación da Coruña, un de condutor/a da maquinaria municipal e outro de peón/oa especial.

Bases para a contratación de persoal temporal ao abeiro do programa APROL Rural 2023

Share.