O derradeiro pleno ordinario deste 2026 do Concello de San Sadurniño aprobou por unanimidade no serán deste xoves a adhesión á declaración institucional promovida pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Os tres grupos con representación municipal —BNG, PP e o representante do PSdeG-PSOE— referendaron o texto no que se expresa a máis firme condena de todas as formas de violencia machista e se incide na necesidade de reforzar o compromiso das Administracións públicas coa súa prevención e erradicación. A ratificación da declaración foi o principal asunto dunha sesión ordinaria que durou pouco máis de oito minutos.
A portavoz do BNG, María Muíño Filgueira, foi a encargada de debullar os principais aspectos do documento, que pon o acento na persistencia da violencia machista e na necesidade de manter e reforzar as políticas públicas de prevención, protección e atención integral ás vítimas. Muíño tamén destacou a responsabilidade compartida das distintas Administracións e dos demais organismos e entidades que interveñen na loita contra esta lacra social, lembrando que detrás das cifras de mulleres e menores asasinados hai vidas e historias familiares truncadas.
Pola súa banda, o edil socialista, Juan Alberto Rivera Franco, apuntou que a violencia machista é unha realidade que non se pode negar e que, por esa razón, cómpre levar a cabo unha loita máis eficiente para non volver a tempos pasados.
Na quenda do Partido Popular, a portavoz, María Belén Trigo Meizoso, expresou a conformidade do seu grupo coa declaración, ademais de defender un endurecemento das penas aos maltratadores e violadores e a dotación de máis medios para garantir a seguridade das mulleres. A súa intervención deu pé a un breve intercambio de pareceres sobre a tramitación da declaración e sobre os posicionamentos das distintas forzas políticas en materia de igualdade e de loita contra a violencia machista.
Neste sentido, o alcalde, Secundino García Casal, aclarou que o que se sometía á consideración do pleno era a adhesión a un texto previamente consensuado por unanimidade no seo da FEGAMP. María Muíño incidiu, ademais, en que a finalidade da declaración era deixar constancia do firme compromiso de toda a corporación municipal fronte á violencia machista, por riba das discrepancias políticas entre os distintos grupos.
A declaración institucional saíu adiante co voto favorable de toda a corporación. A sesión ordinaria de novembro completouse coa aprobación da acta anterior e coa dación de conta dos decretos da Alcaldía, sen que se presentasen mocións pola vía de urxencia nin se formulasen rogos ou preguntas.
O texto íntegro da declaración é o seguinte:
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA FEGAMP
QUE CHE DOE MÁIS?
25 de novembro de 2026- Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), en representación do municipalismo galego, reafirmamos a nosa máis firme condena e rexeitamento de todas as formas de violencia machista que atentan contra a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres.
Sempre, pero especialmente nesta data, lembramos ás mulleres vítimas de todas as expresións da violencia machista, as mulleres asasinadas, as que viven baixo a ameaza, o control ou o maltrato, e tamén as súas fillas e fillos, vítimas directas dunha violencia que deixa profundas consecuencias nas súas vidas. Lembramos, así mesmo, as familias e as persoas próximas ás vítimas, que sofren as consecuencias irreparables desta violencia.
As cifras oficiais reflicten a persistencia desta realidade e a necesidade de manter e reforzar as políticas públicas de prevención, protección e atención integral.
Segundo os datos provisionais da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero consultados para a elaboración deste documento, a 27 de outubro de 2026, rexistrábanse en España 43 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de 3 menores tamén asasinados.
Estas cifras non poden quedar nunha estatística. Cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada e unha chamada de atención sobre a necesidade de reforzar a prevención, a detección temperá, a protección e a atención integral.
A erradicación da violencia machista require actuar sobre as súas causas: a desigualdade estrutural, os estereotipos sexistas, o control nas relacións afectivas e os discursos que minimizan ou xustifican a violencia. A prevención debe prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e sexual, promovendo relacións baseadas no respecto, no consentimento, na liberdade e no bo trato.
Dende a FEGAMP hai tempo que vimos promovendo a implicación das entidades locais na construción dunha sociedade galega máis igualitaria e libre de violencia machista, mediante iniciativas de sensibilización, colaboración institucional e promoción das políticas municipais de igualdade.
Recentemente impulsamos a iniciativa de sensibilización “Cambia de Bando”, pensada para implicar na prevención da violencia de xénero á mocidade desde unha perspectiva participativa, educativa e próxima.
Ao longo de 2025 e ata primeiros de 2026, “Cambia de Bando” percorreu distintos concellos galegos, contando coa colaboración alcaldes, alcaldesas, concelleiros, concelleiras, persoal de servizos municipais e de centros educativos, e sobre todo, e coa participación directa de mozas e mozos. A través de dinámicas participativas, recursos educativos e ferramentas como o cuestionario “Canto machismo tes”, a iniciativa procurou abrir espazos de reflexión sobre os estereotipos, os roles de xénero, os comportamentos machistas e as distintas formas nas que pode manifestarse a desigualdade.
A experiencia desenvolvida nos concellos permitiu, ademais, dar un paso máis: transformar esa actividade de sensibilización nunha oportunidade para coñecer mellor a realidade da mocidade participante. En breve publicaremos un informe que reúne, analiza e contextualiza as respostas obtidas ao longo do traballo de campo desenvolvido en dez municipios galegos.
A formación do persoal das administracións locais constitúe outra ferramenta fundamental. Neste sentido, a inclusión no Plan de Formación Continua de 2026 dunha acción específica de sensibilización e estratexias sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero contribúe a reforzar a preparación dos servizos públicos ante situacións que requiren unha intervención adecuada e coordinada.
Reafirmamos o compromiso municipalista que debe traducirse en actuacións continuadas, recursos suficientes e cooperación efectiva entre administracións. Os concellos, pola súa proximidade á cidadanía, somos esenciais na prevención, na detección de situacións de risco, na sensibilización social e na orientación cara aos servizos especializados.
Mais, a erradicación da violencia machista é unha responsabilidade compartida que require a implicación coordinada do Goberno de España, da Xunta de Galicia, das deputacións provinciais e dos concellos, xunto co sistema xudicial, as forzas e corpos de seguridade, os servizos sanitarios, os servizos sociais e as entidades especializadas.
As entidades locais precisamos contar con financiamento suficiente e estable, persoal cualificado, formación continua e protocolos de actuación que favorezan a detección temperá, a atención integral e a coordinación entre servizos.
Consideramos necesario reforzar a cooperación entre administracións, garantir a continuidade dos programas de prevención e atención e facilitar ás entidades locais ferramentas prácticas para o desenvolvemento das súas políticas de igualdade e para o aproveitamento eficaz dos recursos destinados a combater a violencia machista.
Así mesmo, resulta esencial incorporar a perspectiva de xénero ás políticas públicas municipais, promover a igualdade no ámbito laboral, fomentar a corresponsabilidade nos coidados e eliminar os estereotipos sexistas dos espazos públicos, culturais, deportivos e de participación cidadá.
O compromiso municipalista debe ser visible nos orzamentos, nos servizos, nas campañas de sensibilización, na contratación pública e en todas as decisións que contribúan a construír concellos máis seguros, igualitarios e libres de violencia.
Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista.
Non pode haber neutralidade posible ante quen a exerce, a xustifica, a minimiza ou a nega.
Non se pode mirar para outro lado.
Que che doe máis?