Aberto desde hoxe o prazo de solicitude das axudas do Plan de Emprego Local da Deputación

0

As pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas de San Sadurniño poden solicitar desde este martes 24 de novembro as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña correspondentes á anualidade 2027. O programa conta cunha dotación inicial de 8,66 millóns de euros repartidos en catro liñas de subvencións destinadas á creación e ao mantemento de postos de traballo, á realización de investimentos empresariais e ao pagamento de cotas á Seguridade Social e alugueiros de locais. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto até as 14:00h do 18 de decembro e a tramitación deberá efectuarse a través da plataforma SUBTeL da Deputación da Coruña.

As catro liñas de axudas son compatibles entre si, de maneira que as empresas e profesionais por conta propia que reúnan os requisitos de todas elas poderán acceder a subvencións por un importe global de até 48.900 euros. San Sadurniño encádrase no ámbito territorial das catro convocatorias, dirixidas ao tecido empresarial de municipios de menos de 10.000 ou de 20.000 habitantes, dependendo da modalidade. Ademais, na valoración das solicitudes primarase o acceso ao programa de negocios que non recibisen axudas do PEL en anteriores edicións.

PEL-Pemes Creación e Ampliación: até 12.000 euros por contratación

Cun orzamento de 3,5 millóns de euros, esta liña está dirixida ás pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas de municipios de menos de 20.000 habitantes que queiran ampliar o seu cadro de persoal. As subvencións cubrirán até o 60 % dos gastos salariais, de Seguridade Social e doutros custos sociais derivados das novas contratacións, cun máximo de 12.000 euros por contrato a xornada completa.

Consultar as bases reguladoras do PEL-Pemes Creación e Ampliación

PEL-Pemes Mantemento: até 11.000 euros para consolidar postos de traballo

Esta modalidade dispón dunha partida de 1,2 millóns de euros destinada a financiar a continuidade durante 2027 dos postos de traballo indefinidos creados ao abeiro do PEL-Pemes de 2026. A Deputación financiará até o 50 % dos custos laborais, cun límite de 10.000 euros por contrato a xornada completa, que se elevará aos 11.000 euros no caso de persoas traballadoras pertencentes aos colectivos considerados vulnerables nas bases.

Consultar as bases reguladoras do PEL-Pemes Mantemento

PEL-Emprende Investimento: até 17.500 euros para mellorar os negocios

A liña de apoio ao investimento conta cunha dotación de 2,76 millóns de euros e está orientada ás empresas e profesionais por conta propia de municipios de menos de 10.000 habitantes. O programa subvencionará até o 70 % dos investimentos efectuados durante 2027 na adquisición de maquinaria, mobiliario, equipamentos e aplicacións informáticas relacionados directamente coa actividade económica. A contía máxima que poderá percibir cada empresa ou persoa autónoma será de 17.500 euros.

Consultar as bases reguladoras do PEL-Emprende Investimento

PEL-Autónomos/as: até 8.400 euros para cotas e alugueiros

As persoas autónomas de municipios de menos de 10.000 habitantes tamén poderán optar a subvencións para sufragar parte dos gastos fixos dos seus negocios. Esta modalidade, dotada con 1,2 millóns de euros, contempla axudas de até 2.400 euros anuais para o pagamento das cotas á Seguridade Social e de até 6.000 euros para o alugueiro de oficinas, locais comerciais ou centros de traballo, cun límite de 500 euros mensuais por este último concepto.

Consultar as bases reguladoras do PEL-Autónomos/as

Sesión informativa este venres

O persoal técnico do Plan de Emprego Local ofrecerá este venres 27 de novembro, a partir das 10:00h, unha sesión informativa na que se detallarán as características de cada modalidade, os requisitos que deben reunir as persoas solicitantes e o procedemento de tramitación. As inscricións poden efectuarse a través da web de Emprego da Deputación, onde tamén está dispoñible un cadro resumo das catro liñas de subvencións.

As subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva. As persoas interesadas deben ter en conta que, ademais do prazo de solicitude, existen distintos prazos para a xustificación dos gastos: até o 31 de xaneiro de 2028 no caso dos investimentos, até o 1 de marzo de 2028 nas dúas modalidades de apoio á contratación e até o 31 de marzo de 2028 na liña de apoio ás persoas autónomas.

Para ampliar información ou resolver dúbidas sobre a tramitación das axudas pódese contactar coa oficina do Plan de Emprego Local no teléfono 981 080 509 ou no correo electrónico pel@dacoruna.gal.

Share.