O calendario festivo de outono en San Sadurniño continúa con dúas novas citas gastronómicas e musicais. A primeira será este sábado 14 no local social da Seara, onde a Asociación Veciñal O Pico de Ferreira organiza un magosto con caldo galego, castañas asadas e música en directo. A seguinte chegará o sábado 21 á praza Ramón Díaz Raña, lugar elixido pola comisión das festas de Santa Isabel 2027 para un xantar a prol da patroa do próximo ano. Neste segundo caso, o programa incluirá unha laconada, sesión vermú, xogos para a rapazada, sorteos e música ata ben entrada a noite. As dúas propostas requiren inscrición previa.
O magosto de Ferreira comezará este sábado ás 20:00h no local social da Seara. A asociación veciñal preparará un menú composto por caldo galego, castañas asadas, pan, sobremesa, auga, viño, refrescos e café ou chocolate. O prezo será de 5 euros para as persoas socias e 10 para as non socias.
A velada contará tamén coa actuación musical do Dúo Caramelo, encargado de poñerlle ritmo á sobremesa e ao resto da noite. As persoas interesadas en asistir deberán reservar chamando ao teléfono 696 880 044.
Unha semana despois, o sábado 21 de novembro, a actividade festiva trasladarase ao centro urbano. Coa comida de confraternidade que promove a comisión de festas de Santa Isabel 2027, que xa anda cos preparativos da patroa de empezos de xullo tras varios anos sen se celebrar.
A troula arrancará ás 13:30 horas cunha sesión vermú, que servirá de aperitivo -e nunca mellor dito- a unha laconada popular con sobremesa e café. O prezo dos tíckets será de 25 euros para as persoas adultas e 12 euros para os nenos e nenas a partir dos 12 anos, mentres que os menores desa idade poderán participar de balde, segundo informa a comisión organizadora no cartel que leva circulando varias semanas polas redes.
O programa continuará pola tarde con actividades pensadas, precisamente, para a rapazada. Entre as 17:00 e as 20:00h haberá animación infantil e unha merenda gratuíta, na que tamén se ofrecerán alternativas sen glute. Ademais, a organización ten previstos distintos sorteos con agasallos tanto para as crianzas como para as persoas adultas.
A festa prolongarase ata a noite coa música de DJ Sonorama, que se encargará de animar o tramo final da xornada. Durante esta parte do encontro tamén se repartirán de balde anacos de pizza e liscos entre as persoas asistentes.
Os tíckets para a laconada poden adquirirse na Floristería La Feria e no Café Bar Santos, ademais de a través das tres persoas integrantes da comisión organizadora. Para facer reservas ou solicitar máis información tamén se pode contactar directamente con Tania (633 385 930), Luis (618 850 792) ou Diego (639 278 897).