O Concello de San Sadurniño descubriu este sábado unha placa cerámica en lembranza de todas as persoas represaliadas tras o golpe de Estado de 1936 e durante a ditadura franquista. O acto, celebrado ao serán na Casa do Concello, contou coa participación das concelleiras Mari Carme Muíño Filgueira e Raquel Piñeiro López, do investigador e secretario da Asociación de Emisoras Municipais Galegas, Henrique Sanfiz Raposo, e de familiares de Juan Rilo Rodríguez, secretario municipal no momento do golpe de estado militar e vítima da represión. A súa neta e o seu neto recibiron unha resolución da Alcaldía de recoñecemento e reparación persoal do seu avó, condenado a prisión e apartado do seu posto de traballo polas autoridades franquistas. O descubrimento da placa, deseñada pola ceramista Carme Romero, deu paso a unha charla na Casa da Cultura sobre a historia de San Sadurniño na primeira metade do século XX.
A homenaxe forma parte do programa “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio“, impulsado polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña e da Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA). Un proxecto que durante as últimas semanas recuperou episodios da historia local relacionados coa Guerra Civil, a posguerra e a ditadura, coa intención de dar a coñecer feitos e experiencias que durante décadas permaneceron silenciados. Para Henrique Sanfiz, unha das principais conclusións deste traballo é precisamente “a necesidade evidente de divulgar un pasado histórico que permaneceu tapado”, despois de corenta anos de ditadura nos que se ocultaron a represión, o terror e as consecuencias sociais, económicas e culturais do franquismo.
A placa descuberta este serán é obra da ceramista Carme Romero, quen recorreu ás cores da bandeira republicana e da galega para compoñer unha imaxe cargada de simbolismo. Nela, unhas follas con forma de bágoa despréndense dunha árbore e caen sobre as mans dunha nena e sobre a terra, onde se converten en sementes de liberdade. A composición evoca a dor das persoas represaliadas, pero tamén a transmisión da memoria entre xeracións e a esperanza de que o coñecemento do pasado contribúa a construír unha sociedade máis libre e democrática.
A concelleira Mari Carme Muíño Filgueira explicou durante o acto que este recoñecemento supón, en primeiro lugar, “saldar unha débeda que temos o conxunto da sociedade con aquelas persoas que, nun momento negro da nosa historia, tiveron que pagar por manter posicións políticas contrarias ás dos responsables do golpe de Estado”. Muíño incidiu tamén na importancia de recuperar as historias persoais que hai detrás da represión e agradeceu especialmente a presenza dos familiares das vítimas, “xa que son eles quen permiten poñerlles rostro e nomes a uns feitos que non deben quedar reducidos a simples referencias históricas”.
Un dos momentos máis significativos da homenaxe foi a entrega aos descendentes de Juan Rilo Rodríguez dunha resolución da Alcaldía, asinada o 6 de novembro, pola que o Concello declara formalmente o recoñecemento e a reparación persoal de quen fora o seu secretario municipal ata 1936. Rilo, funcionario coa praza en propiedade, foi represaliado tralo golpe de Estado, malia que a súa actuación como secretario se limitara ao cumprimento das obrigas propias do cargo, entre elas a organización do referendo sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia celebrado vinte días antes do golpe de estado militar.
Segundo recolle a resolución municipal, Juan Rilo foi detido e sometido a un consello de guerra celebrado en Ferrol, dentro da causa 147 de 1937, que o condenou inicialmente a cadea perpetua. A pena acabaría sendo conmutada por tres anos e catro meses de prisión menor. Á condena sumouse a depuración administrativa que o apartou da Secretaría municipal, privándoo do posto de traballo que ocupaba legalmente. O decreto aprobado pola Alcaldía recoñece expresamente a súa condición de vítima da represión franquista ao abeiro da Lei 20/2022, de memoria democrática, e declara a súa reparación persoal, ademais de establecer que se dará conta da resolución no Pleno municipal.
Henrique Sanfiz explicou que o caso de Rilo resulta especialmente revelador das arbitrariedades cometidas polas autoridades franquistas. O secretario foi apartado inicialmente do seu posto por un delegado de Orde Pública de Ferrol “que carecía de competencias para facelo”. Rilo emprendeu entón unha batalla xurídica e conseguiu que o Ministerio acabase recoñecendo a irregularidade da destitución. En 1955 era secretario municipal no concello de Vilaboa e en 1970 trasladouse a Pontecaldelas. Para Sanfiz, todo este procedemento constitúe “unha aberración xurídica tras doutra que revela un pouco a verdade do que sucedeu”.
A entrega da resolución tivo un significado especial para a familia. Rosendo Rilo González, neto do antigo secretario municipal do Concello de San Sadurniño, agradeceu o recoñecemento ao seu avó e lembrou que aínda quedan moitas persoas ás que se lles debe unha homenaxe semellante. “É unha honra que lle fagan un acto ao meu avó”»”, sinalou ademais de insistir en que a historia non debe esquecerse, especialmente nun momento no que volven escoitarse discursos que presentan a ditadura como unha época mellor que a democracia. “Que a xente crea e diga que cunha ditadura se vivía mellor que en democracia é perigosísimo. Ou son ignorantes ou non saben o que é unha ditadura. Está claro que non a viviron e parece que queiran volver a iso. É unha loucura», advertiu.
A necesidade de transmitir esa memoria ás novas xeracións foi tamén unha das ideas centrais da xornada. Henrique Sanfiz precisou que a ditadura non só supuxo a persecución das persoas que defendían ideas diferentes, senón tamén un longo período de silencio imposto, pobreza, emigración e perda de riqueza cultural e social. Na súa opinión, divulgar o sucedido é imprescindible para “construír unha sociedade verdadeiramente democrática, onde poidan convivir todas as ideas”, posto que ocultar unha parte do pasado pode favorecer que volvan reproducirse comportamentos e discursos contrarios ás liberdades.
O investigador lembrou, ademais, que San Sadurniño non quedou á marxe da violencia franquista. Aínda que nos primeiros momentos posteriores ao golpe houbo persoas que intentaron conter a represión no municipio, varios veciños perderon a vida, entre eles Manuel López, coñecido como Manolo da Ferretaría, e José María Bello Pouso. A actividade posterior da guerrilla antifranquista nas zonas de San Sadurniño e Moeche tamén provocou novas actuacións represivas. Sanfiz referiuse, en particular, á morte de dous veciños de Naraío en 1948, asasinados ao parecer pola “contrapartida”, que era unha sorte de brigada especial da Garda Civil que actuaba á marxe da lei. Ambos homes foron executados sen xuízo nin dereito á defensa, segundo se cre, en represalia por accións relacionadas co maquis que nunca foron demostradas.
Tras o descubrimento da placa, as persoas asistentes trasladáronse á Casa da Cultura, onde o investigador do grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela Roque Sanfiz ofreceu unha charla sobre a vida política e social de San Sadurniño durante a primeira metade do século XX. A intervención -na que se detallou tamén o caso dos veciños de Naraío asasinados en abril de 1948- prestou especial atención ao movemento agrarista que se desenvolveu a comezos de século e á creación, arredor de 1908 e 1909, da sociedade A Moralizadora, integrada nun movemento máis amplo que procuraba mellorar as condicións de vida e traballo no rural mediante a compra colectiva de fertilizantes e ferramentas, a loita contra o caciquismo e a abolición dos foros.
A Moralizadora e outras entidades contribuíron a crear un importante tecido asociativo nun concello de grande dinamismo social que quedou truncado co golpe de Estado de 1936. A represión e a ditadura desfixeron boa parte das organizacións existentes e interromperon unha evolución que levaba décadas en marcha. A charla permitiu así recuperar non só a memoria das persoas perseguidas, senón tamén a dunha sociedade que estaba a avanzar na conquista de dereitos e na organización colectiva antes de que o franquismo lle puxese fin a aquel proceso.
O programa “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” proseguirá este luns pola tarde na Biblioteca Municipal cun encontro do club de lectura no que se falará sobre a novela gráfica A morte nas fragas, inspirada en feitos reais ocorridos na contorna das fragas do Eume. O libro está ilustrado por Carlos Sardiña e guionizado por Anxos García Fonte, que tamén participarán na xuntanza literaria.
Ademais, tal e como explicou este serán a concelleira Raquel Piñeiro López, do traballo feito esta semana coa rapazada do CPI vai saír un podcast producido polo propio alumnado, que neste momento se encontra recopilando información e, sobre todo, testemuños orais dos seus familiares de maior idade.