A radio como fío condutor para recuperar a memoria da posguerra no Centro de Día

0

Unha ducia de persoas participaron esta mañá no Centro de Día de San Sadurniño nunha actividade de recuperación da memoria histórica a través dos recordos arredor da radio e dos hábitos de escoita durante os anos da posguerra e a ditadura. O encontro, organizado polo Concello e a Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA) dentro do programa “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio”, terá continuidade mañá mércores no CPI de San Sadurniño, cunha actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO. A programación proseguirá o sábado á tardiña cun acto na Casa do Concello no que se descubrirá unha placa en memoria das vítimas do franquismo.

A presenza dos primeiros aparellos de radio nas casas, a chegada da programación radiofónica ás parroquias e o costume de escoitar os programas en familia ou nas vivendas veciñas centraron boa parte da conversa desta mañá. A través dunha serie de preguntas, as persoas participantes foron reconstruíndo lembranzas como a primeira vez que escoitaron a radio, o seguimento colectivo das radionovelas ou as visitas ás casas próximas para non perder o concurso Desfile de Estrellas, un popular espazo de Radio Nacional que servía de trampolín para cantantes, intérpretes musicais e humoristas.

O encontro permitiu recuperar pequenas historias da vida cotiá que forman parte tamén da memoria colectiva da época. Todo o material recollido servirá para elaborar un podcast que poderá escoitarse proximamente na web de Radiofusión, a plataforma das emisoras municipais galegas.

O programa “Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” trasládase este mércores ao CPI de San Sadurniño. Alí presentaránselle ao ao alumnado a banda deseñada A morte nas fragas e da curtametraxe Os fíos da memoria. Tamén se desenvolverá un obradoiro de creación de podcasts cos grupos de 3º e 4º da ESO, con participación de Ana Santiago, Anxos García Fonte, Quique Sanfiz e o historiador Roque Sanfiz. A proposta busca achegar a memoria histórica á mocidade a través de formatos cos que poidan traballar directamente, tanto na recuperación de testemuños como na súa difusión.

A seguinte cita será este sábado con dúas paradas á noitiña. Ás 18:30 horas descubrirase na Casa do Concello unha placa cerámica en memoria das vítimas do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e da ditadura franquista (1936-1975). O acto terá continuidade ás 19:00 horas na Casa da Cultura cunha charla sobre a sociedade de San Sadurniño entre 1900 e 1950, coa que se afondará no contexto histórico e social no que se produciron aqueles acontecementos.

O programa pecharase o luns 9 de novembro na Biblioteca Municipal cunha sesión do club de lectura arredor da obra A morte nas fragas. Asistirán o ilustrador Carlos Sardiña e a guionista Anxos García Fonte, que conversarán coas persoas asistentes sobre esta publicación vinculada á recuperación da memoria histórica.

“Enterrar o espírito da guerra e os discursos do odio” é unha iniciativa do Concello de San Sadurniño coa colaboración de EMUGA e o apoio económico da Deputación da Coruña. O programa propón abordar a memoria da Guerra Civil e da ditadura franquista desde diferentes espazos e formatos, combinando a investigación, a recuperación de testemuños, o traballo educativo e a reflexión colectiva.

“Entrerrar o espírito da Guerra e os discursos do odio” é unha iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña.

Share.