Sebas e Bieito métennos o medo no corpo

0

Con tanta cousa como houbo nos últimos días case se nos pasa falar da estrea virtual do Chanfaina Lab do pasado venres. Xa sabedes que cada semana van ir lanzándose de unha en unha en youtube as curtametraxes da edición 2016/17 deste encontro audiovisual. A segunda delas titúlase “O Libro” e é unha historia de terror made in San Sadurniño ao cento por cento. Guión, gravación, edición, posprodución, e composición musical foi cousa de dous: Bieito Beceiro e Sebastián Rodríguez, que nos presentan un filme de terror executado con recursos mínimos pero con moito xeito para ser o primeiro.

O cine está cheo de exitosos duetos á dirección -case sempre irmáns-, como Lilly e Lana Wachowski -autoras de The Matrix-, Joel e Ethan Coen -os de Fargo, Non é país para vellos e O grande Lebowski-, os pioneiros Auguste e Louis Lumière. Pero tamén está cheo de tándems inseparables director/intérprete como Scorsese e Di Caprio (e antes De Niro), Tim Burton e Johnny Depp, Woody Allen e Diane Keaton ou Almodóvar e Chus Lampreave.

Sebas e Bieito, Bieito e Sebas son algo parecido. Coñécense desde hai anos, móvense por aí xuntos e, ademais, tamén queren facer películas man a man. En certa maneira recordan os comezos doutra grande parella do cine, os xa consagrados Luís Tosar e Jorge Coira (participante tamén nesta edición do Chanfaina), que empezaron coma eles, facendo cousiñas no instituto, despois cousas máis serias… e mirade hoxe onde andan, compartindo taquillazos e amontoando os seus andeis con goyas e mestremateos.

A Bieito e a Sebas o Chanfaina deulles a oportunidade de parir e levar adiante unha idea en tan só dous días e eles asumiron o reto sen complicacións. Localizacións as mínimas -só unha casa vella e un dos espazos da Casa da Xuventude-, actores os xustos e necesarios -os propios directores-, e unha trama sinxela pero efectiva posta ao servizo do xénero de terror.

O académico do audiovisual Manolo González reseña abondosamente a peza “O Libro” na ficha de Fálame de San Sadurniño, describíndoa como “un intento de narrar ficción de xénero dende o punto de vista dos novos cineastas. […] Bieito e Sebas xogan cos recursos expresivos do xénero de terror sen prexuízos: a cámara subxectiva, escenografía aterradora e macabra, iluminación e atmosfera expresionista, a ocultación de información e a sorpresa-susto. Os cineastas locais saen airosos do envite, manexando con habilidade os códigos do xénero a pesares da súa xuventude e xa agardamos con impaciencia que volvan con novas propostas nas sucesivas edicións da Chanfaina Lab”.

Sebas e Bieito son máis comedidos cando falan da peza, quizais porque desde dentro e cando se está empezando non se dan feito todas as lecturas que a obra merece: “non sabíamos moi ben que facer, o único que tiñamos claro é que queríamos facer algo diferente, vimos os filmes das anteriores edicións e apostamos polo xénero de suspense e o terror. Andabamos na procura dunha casa abandonada e Sabela ensinounos un vello caserón que nos gustou como escenario. Alí topamos algunhas cousas vellas como unha radio e sobre todo un libro, ao que convertemos no punto de partida do noso relato”.

O libro do que falan os directores é en realidade un Macguffin que nos vai levando por un ambiente tétrico  “un decorado devastado, posiblemente habitado por entes descoñecidos e maléficos” ata chegar a un final propio do xénero.

Bieito Beceiro e Sebastián Rodríguez son dous mozos de 18 anos e afeccionados ao cinema que participan no Chanfaina como cineastas locais. Bieito é de Bardaos. Estuda o primeiro curso na Facultade de Informática en Coruña e xa ten amosado o seu bo facer en diversos vídeos relacionados coa historia local que se poden ver en”Fálame de San Sadurniño” como “Celtas en Bardaos?”, “Toma de posesión de Bernardino de Andrade” ou “Bardaos 1752”.

Sebastián Rodríguez vive no Fabal, en Lamas, estuda 2º de bacharelato no IES Concepción Arenal, tendo xa moi decidido o seu futuro, orientado cara a creación musical para o audiovisual. De feito, a música de “O libro” compúxoa el e está interpretada ao clarinete polo deportista, e actor tamén da casa -aínda que sexa de Pedroso- Santi Díaz, a quen hai algún tempo puidemos ver interpretando a curta “De ratos e nenos” xunto con Roi Picos e Bárbara Pouso.

 

Share.