O Concello lémbralles ás empresas madeireiras a obrigatoriedade de comunicar previamente as cortas

0

San Sadurniño dotouse hai preto de tres anos dunha ordenanza que regula a actividade extractiva de madeira no municipio. Trátase dun conxunto de normas que lle afectan unicamente a aquelas sacas de máis de 20 m³, deixando fóra as cortas de menor volume por entender que se trata dun aproveitamento doméstico de escasa entidade. O obxectivo da ordenanza é articular medidas de protección das infraestruturas públicas e, nese sentido, obriga ás empresas madeireiras a responsabilizarse dos danos que causen. Malia que boa parte das que operan no territorio pouco a pouco van cumprindo coa normativa, aínda hai casos en que debe ser o Concello quen lles lembre as súas obrigas. Entre elas inscribirse nun rexistro específico, comunicar previamente a actividade extractiva e repoñer de inmediato ao seu estado orixinal aqueles bens públicos que resulten danados. As sancións para as empresas -non para as persoas titulares dos montes- poden chegar aos 3.000 euros de multa.

Un dos últimos casos de incumprimento da normativa municipal produciuse esta mesma semana en Naraío. ENCE leva varios días cortando unha grande masa de eucaliptos preto do núcleo do Eirexado e a retirada da madeira faise por camiños forestais que desembocan na pista municipal que leva a Lourido. O tráfico de tractores e autocargadores arrastrou tal cantidade de terra e lama cara a esta pista que  este xoves pola mañá era practicamente inutilizable por vehículos máis pequenos.

Advertido polas queixas veciñais, o Concello requiriu ao responsable de zona da multinacional para que se limpase o firme e se solventase calquera desperfecto que puidera terse producido na estrada. Aínda que a operadora si forma parte do rexistro municipal, esta corta en concreto non se comunicara previamente, tal e como establece a ordenanza reguladora da actividade extractiva.

“A pista era unha completa lameira e, ademais, os traballos estaban facéndose sen ningún tipo de sinalización e sen comunicarllo antes ao Concello”, indica Secundino García. “Parece mentira que nos tempos que corren aínda haxa empresas que pensen que son donas de todo e que poden andar ao seu aire polo público e polo privado coa escusa de que por algún lado teñen que sacar a madeira”. O alcalde engade a este respecto que o monte “é unha axuda importante para moitas familias, pero iso non significa que as empresas que compran a madeira poidan facer o que lles pete, porque despois somos todos e todas quen pagamos as pistas e camiños. As empresas forestais saben como hai que facer o traballo para que todo quede en perfectas condicións, é só cuestión de sentido común e de ser curiosos. E iso non ten por que repercutirse no prezo da madeira que se lle paga á persoa propietaria do monte”.

Tralo primeiro aviso municipal, ENCE limpou na tarde deste xoves a pista de Lourido e fixo a comunicación da actividade que está desenvolvendo no lugar. Non facelo suporíalle cometer unha das infraccións cualificadas como moi graves dentro da ordenanza reguladora, cunha sanción aparellada que pode chegar aos 3.000 euros.

Como recordatorio da normativa cómpre ter en conta os seguintes aspectos principais (revisar a ordenanza para velos todos):

  • As empresas madeireiras teñen que estar inscritas no rexistro municipal
  • Deben comunicar os lugares de corta/extracción con tres días de adianto como mínimo, así como o tempo aproximado que tardarán en facer o traballo
  • Tamén deben acreditar que posúen un seguro de responsabilidade civil para responder ante os danos que poidan provocar nos bens públicos. Se non o teñen deben depositar unha fianza ou constituír un aval que se lles volverá cando se comprobe que non houbo ningunha incidencia sobre o dominio público.
  • As comunicacións previas e outros requisitos non son necesarios para cortas inferiores a 20 m³
  • A empresa madeireira quedará obrigada a asumir os custes de reparación de bens públicos danados (pistas, camiños, sinais, canalizacións, postes, etc.)
  • Tamén ten a obriga de retirar podallas, ramalla, cascas que poidan dificultar o tráfico ou a correcta evacuación da auga polas cunetas. Neste capítulo inclúense os depósitos provisionais de madeira, que deben estar en zonas que non poñan en perigo a circulación. Nunca poderán localizarse na vía pública e entenderase que son irregulares cando excedan os 30 días.

 

Share.