Novos xeitos de combater a velutina, este venres na Casa da Xuventude

0

A vespa velutina nigrithorax é unha auténtica praga que invadiu a maior parte de Galicia, aínda que oficialmente non estea declarada como tal. Ataca as colmeas, come na froita e é un perigo para as persoas cando fai o niño preto de vivendas ou en espazos onde se desenvolven tarefas agrícolas ou forestais. Levamos varios anos loitando contra da avespa asiática de distintas maneiras: con trampeos para capturar raíñas, destruíndo niños primarios e secundarios e protexendo as abellas por todos os medios posibles. Mentres se libra a batalla hai persoas que seguen investigando para desenvolver novas armas contra a especie invasora, como por exemplo as arpas eléctricas e incluso os drons. Destes e doutros avances falarase este venres na xornada sobre técnicas de control organizada polo Concello e a Casa do Mel de Goente. O evento -con entrada libre- terá lugar na Casa da Xuventude a partir das 16.00h. 

Na xornada participarán os responsables da empresa local WTMode Solutions S.L. presentando un proxecto de lanzamento de dardos desde unha aeronave pilotada por control remoto. O aparello é especialmente eficaz para acceder a colonias situadas a grande altura, algo que poderemos ver ao vivo na demostración que fará  o venres o equipo desta firma situada no Centro Municipal de Empresas.

A empresa equipou un dron de altas prestacións cun sistema de direccionamento e de disparo mediante gas comprimido. O dispositivo monta un dardo moi semellante a un pequeno mísil co que é doado atinarlle aos niños máis inaccesibles. Trátase dun proxecto centrado na viabilidade tecnolóxica dos RPA como plataforma de loita contra a avespa asiática. Como se poderá ver o venres, a primeira parte está cumprida: o equipo funciona e ten unha alta efectividade chegando ás colonias.

Porén, falta por definir que levará dentro o mísil para acabar cos niños. Dúas das opcións con máis posibilidades de éxito serían unha pequena carga explosiva ou unha cápsula con algún produto que actúe como cabalo de Troia dentro da colonia, sempre que a operación cumpra con todas as condicións legais, ambientais e de seguridade.

O deseño do dron para “vectorización e inertización” de niños de velutina é resultado de varios meses de traballo por parte de WTMode Solutions en colaboración directa coa Casa do Mel de Goente e Aeromedia UAV, empresa tamén galega e pioneira no uso dos RPA’s en distintos ámbitos civís.

Por outra banda, a organización da xornada sobre técnicas de control da avespa asiática tamén convidou a Manuel Corral -máis coñecido como Lolo de Andrade-, que é técnico de protección civil e experto na loita contra da velutina. Falará sobre as características da especie, os seus efectos na apicultura e sobre como actuar ante unha picadura. Tamén explicará o funcionamento dun novo modelo de arpa eléctrica para protexer os colmeares.

A xornada divulgativa está orientada a calquera persoa interesada no tema e non require inscrición previa. Comezará na Casa da Xuventude ás 16.00h. e prolongarase até as 20.00h., incluíndo na sesión unha saída ás proximidades do pavillón municipal para ver o funcionamento do dron lanzador de dardos.

Share.