O benxamín da Chanfaina Lab 16/17 móstranos o seu traxecto ao cole

0

“O meu traxecto ao cole” é a cuarta estrea en youtube da presente edición da Chanfaina Lab. É obra de Pablo Martínez, o participante máis novo de todos cantos se sumaron ao chamamento deste ano. Hai pouco que cumpriu os doce anos e estuda 1º da ESO no CPI de San Sadurniño. De sempre foi un mozo inquedo e activo, pois dende os seis anos gústalle gravar coa cámara “o que pode”, aínda que a súa teima verdadeira é a animación. Os seus xéneros favoritos son os filmes de fantasía e ciencia ficción, mais tamén os videoxogos, nomeadamente os que se desenvolven en “mundos abertos”. Nestes días anda a aforrar para mercar un par de trebellos que lle permitan facer realidade o seu soño: crear unha canle de Youtube de videogamers que xa ten nome: EJPentakill.

A pesar da súa xuventude, Pablo participou na Chanfainalab sen complexo algún e atravesou o mesmo proceso creativo que o resto de cineastas. “Tiña varias ideas para gravar, pero case todas eran moi complicadas e íanme levar moito tempo. Pensei en facer unha película de animación, pero cando me puxen deime conta que me deixaría pouco tempo libre. Ao final decanteime por esta idea, porque podía facela e non me ocuparía tanto tempo. Eu vivo en Outeiro e todos os días vou a pé ata o Cole e pensei que o camiño era unha boa escusa para ensinar o meu pobo. Non é que se ensine “todo” San Sadurniño, pero siunha parte fundamental. Saio da casa, paso a carón da casa de turismo rural, logo atraveso case todos os bares de San Sadurniño, o Pazo, o convento, a Casa de Cultura e ao final…chego ao cole… Cando vin o material gravado -coa cámara do meu irmán-, deime conta de que quedaba moi longo e pensei que se ía facer aburrido, polo que acelerei o tempo do paseo para que non se fixera tan pesado”.

“O meu traxecto ao cole” é unha proposta sinxela de cine directo, no que un novísimo cineasta ensina e pon en valor o seu mundo cotián. Ven ser algo así como unha videocartografía emocional da experiencia diaria dun rapaz de 1º da ESO que, a pesares da súa xuventude, xa apunta maneiras creativas para a narrativa visual. Como el mesmo explicou na estrea mundial da Chanfaina Lab: “Ë unha idea moi sinxela pero penso que orixinal”. Nas sucesivas edicións da Chanfaina seguiremos a contar coa súa mirada e o seu punto de vista sobre a realidade de San Sadurniño.

Share.