Desenvolvemento local programa unha charla sobre a nova normativa forestal e de prevención de incendios

0

A vaga de lumes de 2017 -que tamén tocou a unha parte do noso concello- espertou o debate sobre a xestión forestal tanto na opinión pública como na axenda política. Neste sentido, a Xunta de Galicia anunciou que vai modificar o Plan forestal e, ademais, que vai exercer as súas competencias no sector con máis celo. De feito, o goberno galego aprobou nos últimos meses unha serie de textos legais que veñen modificar a normativa do sector así como todo o referido a faixas de protección. Para falar destas cuestións, o Concello organizou unha charla que terá lugar na Casa da Cultura o luns 25 a partir das 18.00h. Persoal técnico do Distrito forestal de Ferrol explicará os cambios legais e aclarará dúbidas sobre o seu alcance, nomeadamente sobre a responsabilidade de manter limpas as parcelas.

A Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia modificou o referente ás autorizacións de corta, mentres que a Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, veu mudar a antiga lei de prevención dos incendios, variando distancias e requisitos nas franxas de protección.

Neste sentido, os cambios producidos na lexislación forestal e contraincendios dos últimos meses veñen definir novas distancias entre as plantacións forestais e as zonas urbanas, os núcleos, e outras infraestruturas.

Para que todo o mundo teña coñecemento deste asunto, a Xunta de Galicia deulle difusión masiva a un cadro explicativo no que se resumen as distancias que hai que manter a cada tipo de elemento do territorio, tendo en conta o tipo de plantación.  Ademais, desde esta ligazón  pódese acceder Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e  nestoutra url  está dispoñible para descarga un pdf coas modificacións introducidas polo Goberno galego o pasado mes de decembro.

Segundo a normativa vixente, a xestión da biomasa é obriga da persoa propietaria ou arrendataria dos terreos e poderá contratala ou elixir o sistema que considere oportuno. En todo caso debería terse realizado antes do 31 de maio de cada ano e, de non estar feita e de ser requirida pola Xunta, a persoa notificada dispón dun prazo de 15 días para limpar, prorrogables se está debidamente xustificado.

A resolución do expediente se se producen incumprimentos correspóndelle á Consellería do Medio Rural. As multas varían de 100 a 1.000€, en caso de infraccións leves; de 1.001 a 10.000, en caso das graves; e de 10.001 a 1.000.000 €, se son moi graves.

Igualmente, cómpre lembrar que a Xunta tamén está sendo especialmente recta requirindo o cumprimento da normativa, tanto no referido ás distancias como no tocante ás plantacións forestais feitas en rústico sen autorización. É importante saber que, de acordo coa normativa autonómica, está prohibido plantar especies forestais en chan rústico de especial protección agropecuaria, a menos que a Xunta o autorice previa solicitude.

Debido a que o forestal é un dos sectores máis importantes do municipio tanto desde o punto de vista empresarial como das familias que obteñen rendementos dos seus montes -ou que os teñen preto de vivendas e propiedades-, o Concello programou unha charla informativa sobre a repercusión destes cambios lexislativos e sobre cal  vai ser a política de control da Xunta para que se cumpra a normativa.

Na charla do luns 25 de xuño contarase con información de primeira man facilitada por persoal técnico do Distrito forestal de Ferrol, que é o organismo encargado da xestión das autorizacións e do control das medidas contraincendios. O encontro terá lugar na Casa da Cultura a partir das 18.00h. con entrada libre.

Máis información:
Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais
Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (texto completo)
Extracto en .pdf do apartado da Lei 9/2017 que se refire á xestión da biomasa forestal e as distancias

Share.