ADEGA presenta en San Sadurniño a proposta dun novo marco normativo para o monte

0

A Casa da Xuventude acollerá este venres a partir das 20.00h. o acto de presentación da Iniciativa Lexislativa Popular na defensa do bosque promovida por ADEGA, a CIG, a Federación Rural Galega e a Organización Galega de Comunidades de montes.  O obxectivo do evento é dar a coñecer os contidos da proposta, que avoga por frear a expansión descontrolada do eucalipto e racionalizar o seu cultivo, xunto coa recuperación produtiva e diversificada do bosque autóctono. No acto participarán Fins Eirexas -membro da comisión promotora e secretario executivo de ADEGA- e o viveirista e integrante da AGFA do Eume, Ramiro Martínez. 

O título da ILP resume os seus tres ámbitos de actuación: a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais. Tres apartados que se desenvolven en seis capítulos e 24 artigos propoñendo, entre outras cuestións, o fomento do asociacionismo e a preservación da figura do monte veciñal en man común, unha regulación efectiva das plantacións de eucalipto,  a rexeneración de masas autóctonas -especialmente as incluídas en espazos con algún tipo de protección-, a aposta pola produción de madeiras de calidade e a modificación da normativa sobre prevención de incendios que, tamén entre outras cuestións, aborda a redefinición das distancias das faixas de protección,  a implantación do pastoreo como xeito de control do mato e o establecemento dun Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios de carácter anual.

De todos estes aspectos será dos que fale Fins Eirexas,  secretario de ADEGA, quen estará acompañado de Ramiro Martínez para falar de cultivos alternativos ao eucalipto con moita maior rendibilidade a medio e longo prazo, como poden ser as nogueiras e castiñeiros para froito e madeira, as cerdeiras e outras árbores do país.

A intención do colectivo promotor da Iniciativa lexislativa é que o seu contido se poida levar ao Parlamento de Galicia para ser debatido polos grupos da Cámara. Para iso fan falla recoller antes do 24 de marzo un mínimo de 10.000 sinaturas.

Share.