A XXIII Feira da Plantación tinguirá San Sadurniño de primavera o domingo 29 de abril

0

O Concello ten practicamente pechado o programa da Feira da Plantación que, desde hai 17 anos, se celebra sempre o último domingo do mes de abril. Impulsada en 1996 pola asociación Bidueiro como unha celebración co gallo do Día da Árbore, o Concello asumiu a organización trala disolución da entidade. Hoxe o evento insírese no calendario anual de feiras e mercados municipais e é referente comarcal para atopar todo tipo de planta e flor de temporada, pero tamén artesanía e outros produtos da terra. A XXIII Feira da Plantación  terá lugar ao pé do colexio público durante o domingo 29 de abril. Os postos que desexen participar teñen aberto xa o prazo de presentación de solicitudes. Ademais, o evento irá precedido dunha xornada técnica sobre o sector primario que se celebrará o venres 27 na Casa da Cultura.

O último día para achegar as instancias de inscrición na feira será o 25 de abril ás 14.00h. e poden presentarse das seguintes maneiras: directamente no rexistro municipal ou a través da sede electrónica, por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviando a ficha debidamente cuberta ao correo gutibtt@gmail.com. Ao día seguinte publicarase nesta mesma web e nas redes sociais a relación de postos admitidos.

O Concello marcou unhas dimensións máximas de 4 metros por posto, agás os viveiros que se situarán debaixo da carpa principal, que poderán ocupar ata 10 metros. Recentemente tamén saiu no BOP o prezo público da participación co obxectivo de cubrir parte dos custes de organizar o evento: 3€ para os postos de produtos do sector primario e artesanía e 5€ para os expositores de planta e maquinaria agrícola, que se deberán abonar previamente na conta do Concello. As entidades sen fins de lucro poden participar de balde.

O programa
A Feira da Plantación vén sendo unha festa de arranque da primavera en San Sadurniño e unha oportunidade para poñer en valor as posibilidades do medio rural, na mesma liña que os mercados e a Feira Rural organizada polo Concello a finais de agosto. A diferenza desoutros eventos, neste caso as protagonistas son as plantas, cunha presenza destacada da flor para exterior, das herbas aromáticas, as árbores froiteiras e as sementes.

A programación municipal repetirá o esquema que tan bos resultados deu nos últimos anos, onde se combina a ampla e colorida oferta con obradoiros, sorteos e o tradicional agasallo dunha planta ornamental para cada asistente, en colaboración coa empresa Vivergal.

Os postos abrirán ás 10.00h., na súa maioría baixo unha carpa de 2.000 m² que nos últimos dous anos fixo boa falla por mor das treboadas primaverais que, porén, non chegaron a deslucir a feira.

A oferta de talleres componse de dúas demostracións de elaboración de pementón -unha a partir das 12.00h. e outra das 17.00h. en diante- abertas a todas as idades. Para a rapazada maior de 3 anos organizouse un obradoiro gratuíto de fabricación de sacos aromáticos en horario de tarde -de 16.30 a 18.30h.- que se irá cubrindo por orde de chegada á actividade.

No transcurso da XXIII Feira da Plantación tamén haberá dous sorteos de lotes de produtos da terra. O primeiro será ás 14.00h. e o segundo ás 19.00h., xusto antes da clausura. Para participar nos sorteos os distintos postos entregarán un tique con cada compra que logo haberá que depositar na urna situada no expositor municipal, onde tamén se fará a entrega das plantas de agasallo.

Ademais de poñer en valor o rural e o seu potencial, a feira tamén é unha escusa perfecta para achegarse a San Sadurniño e botar o día coñecendo o territorio ou gozando da boa mesa nalgún dos locais hostaleiros do municipio. No caso dos restaurantes e mesóns próximos aconséllase reservar mesa con tempo de adianto suficiente.

Xornadas técnicas o venres na Casa da Cultura
En vésperas da feira o Concello tamén organizou  unha serie de charlas que abordarán tres aspectos relacionados co desenvolvemento rural e, máis en concreto, coa produción froiteira, a comercialización de proximidade e a apicultura.

A xornada denomínase “Apostando polo sector primario” e desenvolverase na Casa da Cultura o venres 27 a partir das 16.00h. con entrada libre. O enxeñeiro e membro da AGFA do Eume Ramiro Martínez abrirá as sesións dando consellos sobre as plantacións de froiteiras. Falará da importancia de elixir ben as especies axeitadas para cada tipo de terreo, os tipos de patróns de enxertado e as técnicas de plantación e mantemento.

Ás 17.30h. tocaralle a Carme Freire, representante da asociación Lentura, quen contará a experiencia colaborativa entre casas labregas agrupadas nesta entidade da zona de Compostela e da Maía. Os pequenos produtores e produtoras que forman parte de Lentura subministran aos mercados próximos todo tipo de produtos da horta -frescos e transformados-, obtidos de maneira sostible e con prácticas de agricultura ecolóxica.

O peche das charlas -19.00h.- correrá por conta do técnico arxentino Hugo Negrioli tratando o manexo produtivo da colmea vertical. Negrioli, que é especialista en cría e selección de abellas nais, centrará a súa charla en ofrecer nocións básicas sobre comeas verticais e sobre o manexo das abellas.

A xornada está organizada polo Concello en colaboración coa AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Asociación Casa do Mel de Goente.

Información descargable:
Ficha de solicitude de inscrición e información sobre a feira en formato .odt, .pdf e .doc

 

Share.