87 postos inscritos no mercado da Feira Rural

0

A área de Desenvolvemento Local acaba de publicar o listado de inscricións para o mercado que se desenvolverá  no marco da X Feira Rural de San Sadurniño. En total recibíronse 87 solicitudes, das que arredor da metade se corresponden con expositores agroalimentarios e de artigos de segunda man, seguidos de postos de artesanía e outros montados por distintas entidades sen fins de lucro. No campón da Cortiña xa está todo listo, só falta que a primeira hora do sábado o recinto empece a encherse de actividade e, sobre todo, de público. A escasos dous días da cita, as previsións meteorolóxicas apuntan a unha xornada de nubes e claros con temperatura moi agradable. 

Os postos relacionados co sector primario e alimentario serán 25 e na súa maior parte ocuparán a carpa principal do evento. Horta, froita, pan e doces, mel, queixos, produtos transformados e  outros artigos complementarán a exposición fructícola achegada pola AGFA do Eume e tamén polas persoas participantes no tradicional concurso das mellores variedades autóctonas conservadas na comarca. As bases do certame -que arrancará a media mañá- poden consultarse aquí.

Fóra da carpa instalaranse os cinco viveiros inscritos e tamén o resto de postos, centrados na artesanía e na venda de oportunidades de segunda man. Este tipo de oferta -máis que nada a de curiosidades, antigüidades e ferraganchos- ten grande aceptación nos mercados mensuais, polo que seguramente  sexa outra das partes máis exitosas da feira. Por outra banda, nesta décima edición da Feira Rural volverá haber exposición e demostración de maquinaria agrícola e de xardín.

Alén das propostas habituais dos mercados, este sábado tamén poderemos coñecer outras iniciativas. É o caso dos postos do Aldebarán-Intasa, que estará presente para iniciar unha campaña de captación de socios e socias; a Cooperativa de comercialización enerxética Nosa Enerxía, da que forma parte o Concello; o Grupo naturalista Hábitat; a ONG Causas Comúns; as campañas de reciclaxe de SOGAMA; os trebellos solares -cociñas, paneis, etc.- da Feira do Sol; o labor de conservación e difusión da Raza Can de Palleiro e, por último, as alternativas produtivas presentadas por entidades de dentro e fóra de Galicia: a AGFA do Eume, o Club Sierense de amigos de la manzana (Asturias), a asociación El Prao de Luyas (Valladolid), o colectivo Máisdetres (Galicia) e La huerta del lugar, procedente de Aragón.

A Feira Rural rodéase, ademais, de múltiples actividades paralelas. Xa falamos do concurso da froita -acompañado de degustación a partir das 12.00h.-, da copa de agility, do monográfico da Raza Can de Palleiro e das exhibicións hípicas. Pero hai máis. Durante toda a xornada poderanse dar paseos en canoa polo Xubia e teremos dous obradoiros para a rapazada: un ás 12.15h. con 10 prazas dispoñibles para aprender a construír caixas niño para paxaros e outro entre as 16.45 e as 18.45h. onde a cativería se meterá a facer queixos artesáns. Neste caso hai 30 prazas en dúas quendas.

As inscricións en todas estas actividades haberá que facelas no posto de información do Concello. Nel tamén atoparemos folletos e outra información sobre o territorio, incluída a nova guía turística municipal que se dará a coñecer con motivo da cita feiral e un mostrario de rochas e paneis explicativos sobre o Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal que San Sadurniño está impulsando xunto con outros seis municipios da zona e a Deputación da Coruña.

O expositor municipal é tamén o lugar de referencia para inscribirse nas visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- onde, de xeito gratuíto e mentres se pasea pola leira, se desenvolverá un pequeno obradoiro de enxertado a partir das 11.30h. e outro de poda de verán ás 17.00h. Tamén gratuítas e certamente interesantes son as dúas visitas ao apiario didáctico da Cortiña guiadas pola Casa do Mel de Goente ás 12.30h. e ás 18.00h. 

No repaso que estamos facendo nos últimos días tamén mencionamos por riba a parte de animación musical, que será cousa do grupo de cantareiras do Morrazo Lina e Lola alternando actuacións por todo o espazo da feira co cuarteto tradicional ferrolán Xente Nova.

Por último tamén hai que lembrar que na X Feira Rural de San Sadurniño haberá sorteos de lotes de produtos. Con cada compra recibiremos un tícket que haberá que depositar nunha urna. A primeira rifa de lotes de produtos do país terá lugar na carpa principal ás 14.15h. -xusto despois da entrega de premios do concurso de froita- mentres que a segunda se desenvolverá ás 19.15h., pouco antes da clausura da feira.

E o domingo, festa na Cortiña
A actividade no recinto continuará ao día seguinte, domingo 26, coa celebración do 4º Sons na Cortiña, un festival de música e lecer ao pé do Xubia dirixido a público familiar.

O Sons -que conta co patrocinio da Deputación da Coruña- ofertará desde o mediodía actividades para todas as idades -circo, malabares, un obradoiro de percusión, zona de xogos de equilibrio, etc.-, ademais de incorporar no cartel as actuacións de De Ninghures, Peter Punk, A Gramola Gominola e Pablo Balseiro e Os Cascarillas, quen pecharán a xornada pasadas as 23.00h.

O Sons na Cortiña aproveita a infraestrutura loxística da feira do día anterior, polo que tamén disporá dunha grande área de aparcamento nas proximidades e unha carpa habilitada por se chovese -non vai chover, seguro-  para quen decida ir de merendada ao festival.

Share.