O Concello de San Sadurniño celebrou este sábado un acto de memoria e de xustiza coa súa historia recente dándolle o nome de Ramón Díaz Raña á maior e principal praza do centro urbano. O recordo do crego e activista preside en forma de placa un espazo ao carón da que fora a súa casa durante case dúas décadas, nun tempo de cambios aos que el contribuiu cunha palabra renovada e unha acción comprometida coa xente. Arredor dun cento de veciñas e veciños reuníronse na xa “Praza Ramón Díaz Raña” para escoitar a semblanza “do home, a persoa, o crego sempre rodeado da súa xente”, como dixo del o seu amigo e compañeiro Xaquín Campo Freire.
De conducir o acto encargouse a xornalista Patricia Hermida Torrente, quen foi dándolle paso ás intervencións das persoas convidadas ao tempo que recordaba os fitos máis importantes da traxectoria vital de Díaz Raña (Ribadeo 1938 – Cáceres 2022), sobre todo na súa etapa de San Sadurniño, o lugar ao que chegou en 1971 e no que botaría ata 1990 como crego da capital municipal e da parroquia de Santa Mariña do monte. Preto de vinte anos que el mesmo resume como protagonista ou como espectador nas crónicas recollidas en Fálame de San Sadurniño, o proxecto co que el colaborou ata pouco antes de morrer.
Resumir o seu labor pastoral no municipio daría para centos de páxinas. Algúns dos logros máis coñecidos foron o da promoción do movemento cooperativista e o asesoramento ás labregas e labregos, o fomento de distintas obras ou a conversión do Claustro do Rosario nunha especie de polo de atracción da mocidade -ademais de lugar para o debate político e a dinamización cultural- no que xermolarían experiencias como a publicación periódica O Pumariño, o grupo Saraibas ou o festival da canción infantil Cantareliña.
Don Ramón -como é recordado pola maioría- logo ganou os afectos da freguesía e algún que outro enfrontamento cos poderes locais do tardo-franquismo e a transición. Foron soados os desencontros co alcalde Santiago Secada, e tamén foron destacadas as manifestacións que houbo en 1975 contrarias ao seu traslado a Viveiro. A presión social logrou que o bispado recuase e a maneira de celebralo foi regalarlle ao crego, cunha colecta popular, un Citröen Dyane 6, unha máquina de escribir e unha multicopista. Elementos que o artista gráfico Juanlu Nacha recolleu con grande mestría creativa na placa en recordo do párroco descuberta o sábado na esquina norte da praza.
Na homenaxe que se lle rendeu, Patricia Hermida deu conta da biografía de Díaz Raña e deixou que fosen os demais convidados quen abordasen desde o coñecemento en primeira persoa o seu perfil familiar, teolóxico e humano.
O primeiro en intervir foi Iago Soler Castiñeira, xornalista de TVE e sobriño-neto de Díaz Raña, para destacar “a humildade” como principal condición do seu tío, a quen describiu como un grande conversador co que compartiu “os anos máis enriquecedores” parolando durante horas “de política internacional, de España nestes anos turbulentos….en xeral, da vida. Era unha persoa que cando sentaba contigo nunca miraba o reloxo”.
No recordo de Soler Castiñeira fica un Ramón “que poñía luz nos demais, que miraba aos ollos ás persoas, que axudaba sen preguntar” e que, cando marchou, lle causou unha grande perda, non sen antes mostrarlle como mirar á morte “doutra maneira”.
Pola súa banda, o crego galeguista Xaquín Campo Freire, comezou enviándolle un saúdo a Conchi, viúva de Díaz Raña -quen se secularizou a comezos dos 90-, para logo falar da dimensión intelectual, teolóxica e tamén humana de quen fora compañeiro seu de estudos desde 1951 até 1963.
“Quen queira coñecer a Ramón Díaz Raña ten de ler os seus moitos escritos en distintos medios, linguas e publicacións. Pero, aínda así, máis que repetir un relatorio cronolóxico de feitos, sempre interesante, a persoa segue a transcender todo iso”, dixo Campo Freire, engadindo que Ramón Díaz Raña fora “un home moi de Deus e profundamente crente no Xesús dos pobres e enfermos e necesitados de promoción humana e de espiritualidade transcendente, asentada cos pés na terra, e revitalizadora de todos os avatares humanos”.
Para Xaquín Campo Freire, a participación de Díaz Raña no concilio Vaticano II como secretario do bispo Jacinto Argaya Goicoechea, permitiulle observar dous modelos de Igrexa, a “aberta e a ultraconservadora” que o levarían a seguir a primeira opción “desclasándose da clerecía cara abaixo, cara ao mundo do campesiñado e emigrante do que el procedía”.
Campo Freire tamén citou, ademais “o seu papel decisivo” no impulso ás Romaxes de crentes galegos e á creación da asociación cristiá Irimia e da revista de reflexión e pensamento teolóxico Encrucillada, así como a súa contribución “á reforma da Igrexa en Galiza”, que tivo en San Sadurniño un dos seus epicentros.
O teólogo e amigo rematou a súa intervención instando á veciñanza de San Sadurniño a que se fomente o coñecemento da figura de Díaz Raña -algo que pouco despois tamén pediría Pepe Gudín- e, sobre todo, que se tome como exemplo de futuro: “só con vós pode seguir a historia viva e non só recordos perdidos na memoria. Ben merece San Sadurniño volver sobre outra parcela da súa memoria vizosa e chea de honras, con mulleres e homes, con mozas e rapaces que vindes detrás puxando con forzas e preparación excelente. Se faltades vós e as xeracións vindeiras, podemos ter cordas illadas que dean notas soltas ao aire. E xa é moito. Pero se á guitarra lle falta a caixa se resonancia ou os amplificadores, que sodes vós a comunidade das terras de San Sadurniño, daquela non pode haber música. Só convosco, con Ramón no medio, pode haber novas melodías e cantareliñas”, sentenzou Xaquín Campo Freire antes de se despedirse cos versos “Pola Unión” escritos por Manuel Curros Enríquez.
Nos aspectos humanos e pastorais tamén afondou outro dos seus amigos, o tamén crego e lingüista Martinho Montero Santalha, quen aludiu ás xuntanzas que mantiñan mensualmente el e outros relixiosos -entre eles Xosé Chao Rego, Xaquín Campo Freire, Manolo Mejuto, Alfonso Gil Montalbo, Leoncio Pía ou Manolo Cillero- para a publicación de Boa Nova “unha publicación destinada á renovación pastoral nas parroquias galegas”.
Montero Santalha, quen coincidiu con Díaz Raña na Universidade Gregoriana, en Roma, cualificou ao homenaxeado como “un bo e xeneroso” como persoa que traballou “calada e sacrificadamente por axudar aos demais”. “Os que o tratamos levamos na nosa memoria a súa imaxe de traballador incansable, dunha xenerosidade case heroica, sen reclamar nunca recompensa algunha para o seu sacrificio. Por iso é tan xusta e oportuna esta homenaxe de lembranza, de admiración, de cariño e de agradecemento á súa memoria e ao seu traballo de tantos anos aquí en San Sadurniño”.
No acto celebrado o sábado tamén interviu Xosé López Gudín, Pepe Gudín, mestre e amigo persoal do crego. “El organizaba uns coloquios con mestres e outras persoas e a min impactoume moito chegar a un entorno eclesial e atopar publicacións en galego, revistas e libros de Castelao. Nesas reunións falabamos de política -Franco estaba a piques de morrer- e iso levábanos a falar de Pumariño, das queimas dos montes, el deulle difusión e falou diso cando ninguén o facía”, comentou Gudín.
A semblanza do labor de dinamización social do crego apuntalouse co recordo dun “home do Renacemento” pola súa actitude e capacidades, ademais de ser “unha persoa moi amable e moi serea” e “un grande intelectual con moito sentido do humor e moi retranqueiro. Era unha persoa moi humana e responsable” que, segundo Pepe Gudín, co seu activismo “deixou unha semente que segue aí”.
O mestre e exconcelleiro rematou a súa intervención pedindo que o recordo de Ramón Díaz Raña “non quede só no nomeamento da praza”, senón que se cree algún tipo de entidade que conserve a memoria e o legado do crego “para que perdure e os nosos netos e os nosos fillos saiban quen foi Díaz Raña, que é máis que unha placa en San Sadurniño”.
O acto celebrado o sábado pola mañá arrancou pouco despois das 12:30h e uns corenta minutos despois foi o alcalde, Secundino García Casal, quen pechou a quenda de intervencións, pronunciándose unicamente para recordar que a homenaxe “vén de moitas persoas que se dirixiron ao Concello para que a memoria de Don Ramón ficase para sempre”. Neste sentido recoñeceu a axuda de Manolo González -promotor da web Fálame de San Sadurniño- e de Víctor Rico, amigo de Ramón e persoa clave para preparar o tributo ao crego.
García Casal tamén agradeceu a presenza dos catro convidados, en especial a de Iago Soler Castiñeira, encargado de descubrir a placa de intensa cor azul mariña co nome e o debuxo de Ramón Díaz Raña a bordo do seu Citröen Dyane 6.
O acto concluiu co Himno Galego interpretado polo cuarteto Berros do Castro, que xa botara unhas pezas nos intres previos ao comezo. O Concello publicará nestes días un vídeo co evento completo e a denominación da praza -que ata agora carecía de nome- farase oficial no próximo pleno municipal.