Solicitude da Tarxeta Xente Nova de gratuidade do transporte interurbano para menores de 21 anos

0
Está en marcha a campaña da compañía de transporte interurbano Monbús para que rapazada e a mocidade (de 4 a 20 anos) solicite a Tarxeta Xente Nova, que ofrece a posibilidade de facer 60 viaxes gratuítas ao mes tanto nos buses desta compañía como nos doutras operadoras, así como no tren metropolitano de Ferrol. A petición para menores de idade debe facela a nai, pai ou representante legal.
Hai varias cuestións que se deben ter en conta:
-A tarxeta só se pode solicitar nalgunhas oficinas de ABANCA (a de San Sadurniño é unha delas). É dicir, non se pode tramitar en ningunha outra entidade nin tampouco na Xunta ou no Concello. IMPORTANTE: NON FAI FALLA TER CONTA ASOCIADA NIN TAMPOUCO CREALA PARA FACER A TARXETA, aínda que na oficina bancaria nolo suxiran como posibilidade.
-A tarxeta hai que cargala con “saldo abondo” nos caixeiros ou oficinas expedidoras de ABANCA (así o indica a información da Xunta), posto que as viaxes son gratuítas, si, pero hai que anticipar os cartos, que despois serán reintegrados pola Xunta DIRECTAMENTE NA TARXETA ao mes seguinte. Polo tanto, ademais de cargar a tarxeta con saldo, tamén haberá que preocuparse de pasala polo caixeiro para que nos volvan os cartos das viaxes.
-A tarxeta é persoal e intransferible, de maneira que só poderá utilizala a persoa titular -no transporte poderían pedirlles o carné para comprobar a identidade-, aínda que é posible pagar a viaxe doutras persoas (sempre e cando haxa saldo suficiente). Neste último caso só será gratuíta a da persoa a nome de quen estea a tarxeta.
-Agárdase que a tarxeta poida estar dispoñible proximamente como APP para o móbil.
Máis información en: https://www.bus.gal/gl/xente-nova
Share.