Solicitude da axuda da Tarxeta Benvida por nacemento ou adopción

0

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para as nenas e nenos nacidos no 2023. Á tarxeta poden acollerse tamén as familias que adopten ou que se atopen en situación de agarda con esa finalidade. Terán acceso ás achegas, ademais, aquelas familias que quedasen fóra en 2021 e 2022 por criterios de renda, sempre e cando se producisen variacións á baixa que lles permitan agora cumprir cos umbrais económicos establecidos na orde.

Con carácter xeral, a contía da axuda é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo/a. Esta duplícase no caso das familias numerosas e increméntase un 25 % no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a achega pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2023 e sempre que o fillo ou filla nacese no dito ano 2023, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Para obter máis información ou axuda co trámite pódese solicitar cita previa cos Servizos Sociais municipais no 981 490 027. Tamén se pode acudir á Sede Electrónica da Xunta de Galicia, onde se encontra toda a normativa e a pasarela para facer a solicitude en liña. 

Publicación no DOG
Acceso ao procedemento na Sede Electrónica da Xunta

 

Share.