A plataforma cidadá Queremos Galego! convocou unha manifestación para este domingo 23 de febreiro en Santiago de Compostela, baixo o lema “Lingua vital, xa!”. A mobilización busca denunciar a situación de emerxencia da lingua galega e reclamar cambios nas políticas lingüísticas da Xunta de Galicia que garantan a súa pervivencia e o dereito a usala en calquera ámbito. A manifestación, que cadra co Día de Rosalía, sairá ás 12:00h da Alameda de Santiago e rematará na Praza do Obradoiro cunha actuación musical. O Concello de San Sadurniño e o Concello de Moeche porán un autobús que sairá ás 10:15h do pavillón polideportivo de San Ramón e parará ao pé do café-bar Del Palacio (Gavín) ás 10:30h. O regreso está previsto para as 14:30h.
San Sadurniño aprobou a súa adhesión a Queremos Galego! no pleno ordinario do mes de xaneiro, razón pola que desde o Concello se faga un chamamento á participación veciñal na marcha polas rúas de Compostela. E é que tal e como denuncia Queremos Galego!, a situación da lingua é crítica, xa que un 30% das nosas nenas e nenos non saben falala, como efecto directo do Decreto de Plurilingüismo no Ensino de 2010.
Ademais, o galego é cada vez máis minoritario noutros ámbitos da Administración pública, como a Sanidade ou a Xustiza, sen contar con que é unha lingua meramente testemuñal nos medios de comunicación de maior alcance e implantación en Galicia, malia que todos eles perciben gorentosas axudas por parte da Xunta.
Por este motivo, unha das principais reivindicacións deste domingo en Santiago será a de que se poñan en marcha políticas realmente normalizadoras que garantan o uso do galego en todos os contextos. Un dereito que a poboación galega non temos na actualidade.
A situación do galego en comparación co castelán é preocupante. “Mentres o castelán é a lingua dominante e de uso xeralizado en todos os ámbitos da vida pública e privada en Galicia, o galego enfróntase a un proceso de substitución lingüística que ameaza a súa supervivencia malia estar protexido pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”, denuncia o alcalde, Secundino García Casal.
Neste sentido, o último informe de supervisión publicado en setembro polo panel de expertos do Consello de Europa tíralle das orellas ao Goberno do Estado e ao da Xunta polo incumprimento sistemático das recomendacións contidas na carta. O Comité de persoas expertas que analizou desde Europa a situación do galego pide catro liñas de acción inmediatas: eliminar as limitacións que impiden neste momento o emprego do galego nas materias educativas de ciencia; asegurar o uso do galego nos servizos sociais e na sanidade; artellar medidas para que as persoas falantes en galego poidan interactuar nesta lingua coas delegacións locais da Administración estatal; e, por último, que a lexislación garanta que os tribunais poidan resolver procesos en galego a petición dunha das partes. E todo o anterior poñendo os medios para que o seu cumprimento sexa efectivo e non quede só como unha intención sobre o papel.
“O galego encóntrase en claro retroceso en canto a número de falantes e, por se fose pouco, calquera medida que tente reverter esta realidade, incluso calquera reivindicación pública nese sentido, encóntrase coa reacción de certos sectores, que cualifican a defensa do idioma como unha imposición.Entre eses sectores encóntrase o propio Goberno da Xunta de Galicia, que avoga por un “bilingüísmo harmónico” que, en realidade, esconde o exterminio soterrado do galego”, asegura Secundino García.
Pola súa banda, o portavoz de Queremos Galego! e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, denunciou hai uns días a existencia dun “pacto do enterro do galego”, fronte ao que a cidadanía está a reaccionar, “co impulso á vida do noso idioma, vital para o noso pobo”. “A lingua é vital para a existencia de Galiza”, recordou, ” e os poderes públicos teñen que garantila, en todos os espazos e para todos os usos”.
O lema elixido para a manifestación do domingo é, precisamente, “Lingua vital xa!”, en clara referencia á onda vital que lanzaba Son Goku a principios dos anos 90, época dourada dunha TVG que cumpriu naquel momento, por medio do Xabarín Club, un grande papel normalizador do galego entre a infancia e a adolescencia.E é que nesa xornada “todo un pobo vai mostrar a enerxía para transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora. Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego”, dixo a coordinadora de Queremos Galego!, Celia Armas, durante a presentación da manifestación.
San Sadurniño e Moeche son dous dos municipios da comarca que se unirán á mobilización, cumprindo deste xeito cos seus respectivos acordos plenarios de adhesión á plataforma e á propia manifestación. Por este motivo, desde o Concello faise un chamamento á participación de toda a veciñanza, poñendo ademais un autobús para facilitarlle o desprazamento a Santiago a quen non poida ou queira ir polos seus propios medios.
O autocar sairá ás 10:15h desde o pavillón polideportivo de San Ramón, en Moeche, e deterase brevemente ás 10:30h diante do Concello de San Sadurniño para recoller pasaxe. Quen queira subir en Moeche deberá enviar un correo co nome e un teléfono de contacto a correo@moeche.gal, mentres que se se opta por subir en San Sadurniño haberá que facer o propio a correo@sansadurnino.gal.
O transporte chegará a Santiago uns minutos antes da saída da manifestación e emprenderá a volta pouco despois da hora prevista de remate, a iso das 14:15 ou 14:30h. Ademais deste bus, na comarca tamén haberá outros dous: un fletado pola CIG que sairá desde o local do sindicato en Esteiro ás 10:00h e volverá ao remate da mobilización (reserva de prazas no Whatsapp 607 375 631), e outro posto pola AVV de Canido que partirá tamén ás 10:00h desde o Centro Cívico e volverá ás 17:00h (reserva no Whatsapp 637 081 888, neste caso 5€ por persoa)