O primeiro pleno ordinario de 2025, celebrado no serán deste xoves, tiña como principal punto da orde do día a aprobación da proposta de distribución do POS+ 2025, ademais dos proxectos técnicos das obras que está previsto levar a cabo. Neste sentido, na sesión saiu adiante por unanimidade dedicar 395.000 euros a gastos relacionados cos consumos enerxéticos e outros 164.000 euros á reparación de oito pistas da rede viaria. Ademais tamén se lle deu o visto e prace aos proxectos do Plan Complementario, que se aproban agora coa expectativa de que a Deputación xere novas partidas económicas ao longo do ano para poder executalos. A este plan presentaranse proxectos por valor de 439.000 euros para o arranxo doutros nove eixos de titularidade municipal. Ademais de tratar este asunto, o pleno tamén votou un recurso presentado contra a RPT e dúas mocións do BNG, unha de adhesión á plataforma Queremos Galego e outra de compromiso municipal co Ano Castelao.
Tal e como se avanzou antonte na información previa ao pleno, as pistas que se van reparar dentro dos importes fixos do POS+ son a de Sabanda ata A Pena, en Santa Mariña; a de Bouzarrara a Pramado, e as das Leiras, Vilanova e do Chao á Laxe, todas en Lamas; a pista entre A Barcia e Os Foxos, en Naraío, e os camiños de Bouzamaior e O Outeiro, en Igrexafeita.
En canto aos proxectos tamén aprobados pero en espera de financiamento provincial (os do Plan Complementario), o pleno ratificou o aglomerado do eixo Vilela-Bouzarrara-Fontela, no Camiño Arriba e o de Ramisqueiras-As Leiras-Vilela. Tamén aprobou o arranxo da pista que enlaza a Fontela co Fabal e a AC-862. Na relación de obras tamén se inclúen os asfaltados de Cadavás e o da pista Os Pontigos-Piñeiros, en Ferreira; os camiños que van desde A Fraguela até As Costeiras e desde A Fraguela ata a Casatellada, en Igrexafeita; e, pechando o listado, a reparación da pista que conecta os lugares da Ferraría, O Batán, Pielas e A Cernada, no fondo de Naraío, xunto coa que vai desde Quintiá até o límite coa Capela, preto de Formariz.
Sumando os proxectos da parte fixa do Plan Único e os susceptibles de executarse a medida de que se vaia liberando financiamento provincial, o Concello ten deseñadas intervencións por un valor de 603.000 euros en máis de 15 quilómetros da rede viaria municipal.
O seguinte asunto centrouse na resolución dun recurso de reposición presentado por dúas traballadoras municipais contra a modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello, aprobada en pleno recentemente. A proposta, sostida nun completo informe da Secretaría municipal, foi a de admitir a trámite o recurso e, feito isto, desestimalo entendendo que a tramitación dos cambios na RPT “cinguiuse rigorosamente” ao procedemento. Entre as filas da oposición, o PSOE estivo de acordo coas teses do informe técnico, mentres que o PP anunciou a súa abstención, sen entrar a valorar o contido da proposta, en coherencia coa súa postura contraria á modificación da relación de postos, xa manifestada no pleno en que se debateu e aprobou.
Xa no apartado de mocións, rogos e preguntas, o BNG tiña preparadas tres que deberon incorporarse á orde do día pola vía da urxencia. Unha delas, relativa á demanda de que o Goberno do Estado manteña as axudas para o transporte colectivo, xa nin sequera se chegou a presentar, habida conta de que a medida foi aprobada o martes polo Consello de Ministros.
As outras dúas mocións si entraron no debate, despois de que a maioría nacionalista apoiase a súa urxencia. A primeira delas foi a de adhesión formal do Concello á plataforma Queremos Galego e ás accións de defensa da lingua galega que, tal e como se puxo de manifesto no pleno (e como dixo a propia Unión Europea), cada vez conta con menos falantes e está máis ameazada.
No acordo, ademais da entrada nunha plataforma de base social e plural, destácase que o coñecemento e uso do galego é un dereito inalienable “en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo”. A moción foi adiante cos votos favorables do BNG e PSOE, mentres que o PP votou en contra.
A segunda moción, relativa á celebración do Ano Castelao, propuña solicitarlle á Xunta de Galicia o recoñecemento de Castelao como presidente de Galicia, ademais de recoñecer tamén o Consello de Galiza no exilio como primeiro goberno galego da etapa contemporánea. O texto da moción tamén recollía o apoio da declaración do 2025 como Ano Castelao e o compromiso do Concello de levar a cabo unha programación municipal que contribúa á divulgación da figura do artista, escritor e galeguista que poña de relevo todas as súas facetas. O PP e o edil do PSOE abstivéronse, coincidindo no seu desacordo con que Castelao sexa considerado primeiro presidente galego.
Na recta final do pleno, o PP fixo varios rogos sobre a sinalización da zona de cornide e sobre a roza de árbores que ocultan os farois da iluminación pública. Na parte das preguntas, a oposición preguntou pola dispoñibilidade de locais no Centro Municipal de Empresas e polos límites de permanencia para as emprendedoras e emprendedores. O PP tamén se interesou pola reactivación das obras na antiga escola de Igrexafeita, preguntando por cal fora a resolución do conflito aberto coa primeira adxudicataria. Por último, a portavoz popular suxeriu que o Concello aproveitase o Ano Castelao para poñer a disposición do público a colección de luxo da súa obra adquirida hai uns anos polo consistorio. Fóra da orde do día, na quenda do público, tamén houbo as preguntas de dúas traballadoras municipais sobre o procedemento seguido para aprobar a modificación da RPT.