Recordade: seguimos en Estado de Alarma e non se pode saír da casa

0

Acabamos de pechar a Semana Santa máis atípica que se recorda. Un período que finaliza co reinicio da actividade en empresas non esenciais que levaban desde hai dúas semanas aplicando o decreto do permiso retribuído recuperable. Porén, que esas empresas volvan ao traballo non significa que se levanten as restricións á mobilidade que están en vigor desde o pasado 15 de marzo e que acaban de ser prorrogadas alomenos até o 26 de abril, cunha posibilidade máis que real de que se amplíen despois desa data. Polo tanto, importante: o confinamento segue activo, debemos permanecer na casa e saír só para cuestións imprescindibles como son facer compra de alimentos e produtos básicos, ir á farmacia ou acudir ao médico con cita previa. 

O Estado publicou unha serie de directrices para que as empresas acollidas ao permiso retribuído recuperable volvan á actividade aplicando as máximas medidas preventivas. Unhas directrices que son de aplicación para calquera traballador ou traballadora, sexa por conta allea ou por conta propia.

Así, recórdase que cómpre evitar ir ao traballo se se teñen síntomas da COVID-19 ou se se tivo calquera tipo de contacto con persoas que desen positivo, incluso aínda que non se teñan síntomas. O illamento preventivo está considerado como situación de incapacidade temporal derivada de enfermidade común e, por outro lado, a infección por coronavirus no posto de traballo ten a mesma consideración que un accidente laboral.

A segunda medida preventiva atende aos desprazamentos para ir e vir do choio. Sempre que se poida hai que “utilizar opcións de mobilidade que garantan a distancia interpersoal de aproximadamente 2 metros”, tal e como se sinala no texto editado polo Estado. Tamén se indica que indo traballar a pé, en bicicleta ou moto non é necesario levar mascarilla, aínda que no caso de ir andando se deben de gardar distancias con respecto a outras persoas.

O Concello pídelle á Xunta que artelle o reparto de mascarillas
O máis habitual é ir e vir no coche, por iso é importante que estea ben limpo e, se se comparte, que non vaia máis dunha persoa por cada fila de asentos mantendo a maior distancia posible entre ocupantes. Iso mesmo é de aplicación en taxis ou vehículos VTC e, sobre todo, no transporte público -bus e tren no noso caso, e tamén furgóns de empresa-, onde é recomendable usar unha mascarilla hixiénica (non médica) coma as que empezou a distribuír o Estado neste primeiro día de traballo nas grandes cidades.

O Concello dispón de 100 mascarillas que se distribuirán entre autónomos e pequenas empresas do municipio que non dispoñan delas e cuxa actividade estea entre as permitidas polo Estado de Alarma. Dada a escaseza deste material entregarase unha para cada traballador até esgotar as existencias. Será necesario chamar antes ao Concello -981 490 027- para concertar a entrega. Ademais, desde o Goberno local tamén se lle solicitou á Xunta que artelle un sistema de reparto de máscaras e luvas.

 

En calquera caso é de aplicación a norma preventiva básica na que se vén insistindo desde o comezo da crise: tusir ou esbirrar tapando a boca cun pano desbotable cando se tusa ou se esbirre e, se non se dispón del, facelo contra a parte interior do cóbado. Hai que evitar tamén tocar os ollos, o nariz ou a boca e non manipular a mascarilla sen desinfectar as mans antes e despois.

No posto de traballo
As recomendacións preventivas atinxen tamén ao posto de traballo, sexa unha oficina, unha industria, unha obra ou calquera outro sitio… sexamos persoas asalariadas ou autónomas.

Neste sentido débese manter a distancia interpersoal -aproximadamente 2 metros-, evitar o contacto físico -incluídos os saúdos dando a man ou  bicos-, non usar -na medida do posible- equipamentos e dispositivos doutro persoal sen antes desinfectalo, facilitar o traballo do persoal de limpeza, tirar luvas e panos desbotables en papeleiras ou colectores, lavar as mans con frecuencia e avisar de inmediato se se notan síntomas da enfermidade (tose seca, febre, dificultade para respirar, cansanzo xeralizado).

O texto recolle tamén unha batería de indicacións para as empresas que permitan cumprir coas anteriores recomendacións: escalar as entradas e saídas e os cambios de turno, optar polo teletraballo nos postos en que sexa factible, reorganizar procesos para evitar aglomeracións de persoas, reforzar a limpeza e a desinfección de instalacións e equipamento, que haxa material hixiénico a disposición do persoal -xabón, xel hidroalcólico, papel, etc.-, dotar de luvas e mascarillas a aqueles postos máis expostos -atención ao público e limpeza, principalmente-, lavar os uniformes de traballo e tratar os resíduos de maneira axeitada, botando na fracción resto todo o material de protección de un só uso.

Incertidume sobre as declaracións de IRPF e IVE
No ámbito laboral cómpre recordar, ademais, que o próximo luns, día 20, vence o prazo para achegar as declaracións trimestrais de ive e IRPF e que o último día para aquelas que se vaian domiciliar é este mércores 15. A pesar de que o Estado permite aprazar os pagamentos sen xuros durante 3 meses ou 6 cun interese mínimo, a día de hoxe segue sendo necesario presentar en prazo as declaracións.

É posible que entre hoxe e mañá se publique no BOE unha ampliación deses prazos, algo que xa anunciaron os medios de comunicación nos últimos días. Porén, insistimos en que polo momento non hai ningunha publicación oficial ao respecto e que eses prazos fiscais seguen en vigor mentres o Boletín Oficial do Estado ou a propia Axencia Tributaria non indiquen o contrario. A medida previsiblemente se tome no Consello de Ministros deste martes, na medida de ampliar o prazo de presentación até o 15 de maio para domiciliacións de ive e IRPF e até o 20 de maio para ingresos na conta da Axencia Tributaria.

A información publicada nos xornais sementou a incertidume entre os autónomos e incluso entre as xestorías que lles levan as contas á maioría deles. Esta mañá, un xestor e asesor fiscal comentábanos que se está creando unha situación sobre a que se debería ter maior concreción, posto que “o que vale é o que está no BOE e só faltan dous días para presentar as declaracións domiciliadas e menos dunha semana para as demais”.

Guía de boas prácticas no traballo do Ministerio de Sanidade

Share.