Subvencións do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible, con dúas modalidades:
- Modalidade A: promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, vinte anos. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio ou, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, desde a data da súa cualificación definitiva.
- Modalidade B: promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, quince anos. Este prazo computarase desde a data da cualificación definitiva.
Beneficiarias: As persoas físicas maiores de idade. As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas. Por outra banda tamén poderán beneficiarse as fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.
Actuacións subvencionables: O investimento da actuación estará constituída por todos os gastos inherentes á promoción de que se trate, incluídos os tributos das actuacións, o custo do solo, da edificación, os gastos xerais, dos informes preceptivos, o beneficio industrial e calquera outro necesario, sempre e cando todos eles consten debidamente acreditados. No caso de actuacións de rehabilitación non se admitirá a inclusión do custo do solo.
Prazo de solicitude: ata o 31/10/2024.
Contías: A cantidade máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite, nos seguintes termos:
- Na modalidade A concederase unha axuda ata un máximo de 420 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 50.000 euros por vivenda.
- No suposto da modalidade B concederase ás persoas beneficiarias unha axuda de ata un máximo de 500 euros por metro cadrado de superficie útil. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 % do investimento da actuación, cun límite máximo de 40.000 euros por vivenda.