Outono: segunda época de trampeo contra a velutina

0

Agora si que si, xa estamos no outono. As temperaturas baixaron nos últimos días e as árbores empezan a espirse, deixándonos unha paisaxe que tira ás cores amarelas e ocres deste tempo. A caída da folla tamén nos recorda que a avespa asiática segue entre nós. Sobre todo nas beiras dos ríos aparecen agora grandes niños de velutina que durante o verán extendido que tivemos pasaron desapercibidos ocultos no medio das copas. A maioría desas colonias, que chegan a superar o metro,  seguen activas traballando a marchas forzadas para sacar adiante a nova xeración de raíñas que abandonará o niño dentro dunhas semanas. Estímase que neste momento é cando máis poboación hai dentro del, que pode pasar facilmente dos 2.000 insectos e 5.000 ovos.  Crese que cada colonia é capaz de criar entre 200 e 500 raíñas, das que só sobrevivirán menos do 10%. Por iso, nesta época do ano é fundamental reemprender os trampeos masivos para mermar o potencial reprodutivo das avespas, que continúan atacando as colmeas como xeito de obter a achega de proteína que necesitan.

Sobre a avespa asiática lévase escrito e falado moito. E a cada paso descóbrense cousas novas do seu comportamento e de como tentar atallar o seu avance. Se ben hai uns anos se indicaba que as campañas de trampeo debían concentrarse na primavera -momento no que as raíñas fundadoras saen do seu letargo- e a finais do outono e principios do inverno -intre no que se gardan nos tobos-, agora a estratexia incide na colocación de trampas desde finais de setembro ata practicamente decembro, co obxectivo de  reducir ata onde se poida o vigor das colonias maduras e, en consecuencia, baixar tamén a súa capacidade de sacar novas raíñas.

O ciclo da velutina é sempre o mesmo. Cadrando co inicio do inverno as raíñas fecundadas abandonan os niños que podemos ver agora nas árbores -só elas, os machos e obreiras morren- e buscan un refuxio seguro para hibernar, case sempre en ribazos e tocóns vellos. A salvo de depredadores e gorecidas do mal tempo botarán ata o arranque da primavera. Elas mesmas construirán os pequenos niños primarios que adoitan aparecer en cabanas, uralitas e outros sitios abrigosos, onde logo porán os seus ovos para criaren unha primeira xeración de obreiras que lles axuden a aumentar o tamaño do niño e a multiplicaren a colonia. Este é o momento no que son máis vulnerables e no que se recomenda iniciar o trampeo de primavera, ademais de prestarlle atención a aqueles lugares onde adoitan instalarse.

Andando o tempo o sitio quedaralles pequeno e toda a colonia migrará a puntos máis elevados para construíren unha nova casa, que irá medrando durante o verán ao tempo que tamén se incrementa o número de exemplares que viven nela.

Cara a finais dos meses máis cálidos e empezos do outono, os niños poden chegar a sobrepasar o metro de punta a punta e acubillar máis de 2000 exemplares adultos entre obreiras, machos -que saen dos ovos non fecundados- e futuras raíñas, aínda que se teñen atopado casos en que a cifra sobrepasou amplamente esa aproximación. Neste tempo en que estamos só saen dos niños as obreiras, encargadas de levar alimento que pillan chuchando na froita, despedazando carroña ou cazando abellas diante das colmeas… non porque lles teñan máis ou menos rabia, senón porque son presa doada: hai moitas, entran e saen sempre polo mesmo sitio e, ademais, móvense cansas do trafego diario carrexando pole para manter as súas propias crías. A velutina só ten que agardar e collelas no aire, matalas no momento e coller delas só o abdome, a parte máis nutritiva.

O traballo na colonia diríxese exclusivamente a que haxa raíñas, cantas máis mellor, que unha vez fecundadas marcharán como únicas superviventes do niño para reiniciaren de novo o ciclo anual letargo-espertar-niño primario-niño secundario- novas reprodutoras…

Tampas

ESQUEMA-TRAMPAAquí en Galicia observouse que debido ao clima a vida das colonias pode non axustarse exactamente aos prazos que recollen os distintos estudos. Os outonos e inicios de invernos tan suaves que estamos tendo nos últimos anos propician que o inicio da hibernación poida retrasarse ata finais de decembro e incluso xaneiro. De aí que a campaña de trampeo outonal pode ser efectiva desde setembro ata practicamente o Nadal.

En youtube hai unha chea de tutoriais para construír trampas de diversos tipos, tamaños e custes. Seguindo o esquema recollido neste documento do Ministerio de Agricultura -que copia os deseños franceses e que, ademais, é o máis barato- o máis aconsellable é coller unha botella de plástico de litro e medio de capacidade e cortarlle a súa parte superior, que despois se volverá poñer invertida coma un funil sobre a abertura que queda.

É importante poñerlle algún tipo de cuberta a xeito de pequeno tellado que impida a entrada de auga da chuvia. Pero aínda é máis importante practicar polo menos tres buratos laterais que permitan a saída doutros insectos, dous deles de 1.5 mm. de diámetro preto do borde superior e, o terceiro, duns 25 mm. e forma trapezoidal, situado ao nivel do líquido atraente.

Como líquido valen as mesturas habituais que combinen unha parte alcólica e outra doce -vermú, cervexa, viño branco, zume de arandos, etc.- e, segundo o esquema do ministerio, ten que encher alomenos un tercio do recipiente. A novidade con respecto ao que se fai habitualmente é que o líquido ten que ir enchoupado nunha esponxa. A súa efectividade será a mesma contra a velutina, que non poderá fuxir do engado, pero evitará que outros insectos morran por afogamento e facilitaralles que poidan marchar por algún dos tres furados laterais.

As trampas caseiras semellan, polo de agora, o único método preventivo que pode dar algún resultado neste tempo, á espera de que prosperen as investigacións que se están levando a cabo para sintetizar unha feromona que atraia unicamente á velutina. Desde o ámbito da apicultura aconséllase utilizalas preto de onde se atopasen niños esta temporada.

Por último, volvemos insistir en que se detecta algunha colonia de velutina que poida supor un perigo, hai que chamar ao 012 para que a eliminen. Tamén fai falla seguir extremando as precaucións en traballos forestais e outros que impliquen o uso de maquinaria preto de lugares onde poida haber niños.

 

Share.