O xoves remata o prazo de solicitude das axudas extraordinarias para Cultura e Deportes

0

As asociacións e clubes deportivos do municipio que non dispoñan de convenio nominativo co Concello poderán solicitar ata este 2 de decembro -incluído- as axudas da convocatoria extraordinaria publicada no BOP do pasado 18 de novembro. As bases e os formularios poden descargarse no propio boletín oficial da provincia ou ben nas ligazóns que figuran algo máis abaixo, que cumprirá presentar debidamente cubertas antes das 23:59h do xoves. A liña correspondente a Deportes conta cunha dotación económica de 5.000 euros, mentres que a orientada a colectivos veciñais e culturais dispón de 3.000. Os gastos subvencionables son, entre outros, os de mantemento -para as que teñan local en propiedade-, os custes de funcionamento ordinario -telefonía, papelaría, seguros…-, así como aqueles derivados da organización de actividades ou a participación en competicións deportivas, sempre e cando se efectuasen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2021.

As asociacións veciñais e culturais do concello o que dispoñan de local en propiedade poderán obter axuda para os gastos de mantemento, mellora das instalacións e equipamento. Con carácter xeral -teñan ou non de local propio- tamén se lles financiarán os gastos de funcionamento ordinario como telefonía, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc. As bases tamén citan como gastos xustificables os relativos á prevención da COVID-19 e aqueles orixinados pola organización de actividades propias da entidade.

Para este capítulo o Concello dispón dunha partida de 3.000 euros e a axuda total poderá chegar ao 80% do orzamento subvencionable de acordo cos anteriores requisitos. Unha vez que se comunique a concesión da subvención, as entidades disporán de 10 días hábiles para achegar a documentación xustificativa: a instancia solicitando o pagamento, as facturas acompañadas dos xustificantes bancarios de pagamento e a relación detallada doutras subvencións que se recibisen, de ser o caso, para sufragar os gastos subvencionados.

Non poderán concorrer á convocatoria aquelas entidades que non estean ao corrente das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social ou aquelas que teñan pendente de xustificar algunha subvención municipal anterior.

Axudas para entidades deportivas
A liña para deporte conta cun orzamento de 5.000 euros divididos en tres tramos: clubes con instalacións propias, entidades de deportes olímpicos e, en terceiro lugar, outras disciplinas. As valoracións das peticións estarán baseadas principalmente no número de licenzas federativas, que contarán dobre no caso das femininas.

Así, as entidades con instalacións en propiedade poderán solicitar financiamento para o seu mantemento e mellora, ademais da merca de equipamentos (fíxase unha achega de 1.000 euros).

Tanto estas como as demais poderán incluír na solicitude gastos ordinarios -teléfono, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc.-, material de prevención da COVID-19, material deportivo e tamén os gastos derivados da participación en competicións oficiais (licenzas federativas, mutualidades, arbitraxes, etc.). A partida reservada polo Concello para este capítulo é de 3.000 euros. Os 1.000 euros restantes dirixiranse a financiar outras disciplinas deportivas federadas (non olímpicas).

Solicitudes até o 2 de decembro
As bases para a concesión das axudas desta convocatoria extraordinaria de Cultura e Deportes aprobáronse na Xunta de Goberno Local do pasado 11 de novembro e saíron publicadas no BOP do día 18, dándo de prazo ata o xoves 2 de decembro para presentar as correspondentes solicitudes.

Bases e follas de solicitude Cultura 
Bases e follas de solicitude Deportes

Para descargar as follas desde Chrome hai que picar co botón dereito do rato en cada ligazón e seleccionar a opción “Gardar como”, ou ben configurar o navegador para que admita as descargas directas.

Share.