O pleno votará este mércores dedicar 358.000 euros máis a investimentos en infraestruturas e equipamentos

0

San Sadurniño pechou o orzamento de 2021 cuns remanentes de tesouraría para gastos xerais que ascenderon a algo máis de 1,2 millóns de euros. Desa cantidade total, o Goberno local prevé incorporar ao actual exercicio 358.589,95 euros, destinados a complementar partidas de investimentos preexistentes ou a crear outras novas, por considerar que o Concello precisa levar a cabo actuacións urxentes que non poden agardar a ter aprobado o orzamento do 2023. Ese será o contido principal dun pleno extraordinario convocado para as 19:30h deste mércores que, como vén sendo habitual -e salvo problemas técnicos- poderá seguirse ao vivo a través do Facebook do Concello de San Sadurniño.

A incorporación de remanentes ao Orzamento Municipal 2022 distribuirase en seis apartados relacionados con investimentos en infraestruturas e equipamentos. O de maior importe, de nova creación, estará dotado con 200.000 euros, que se destinarán á reparación integral da galería do Concello. Este elemento da casa consistorial restaurouse durante as obras de rehabilitación do edificio reconstruíndo parte dela e deixando outra parte da construción orixinal. As humidades e o uso dos últimos anos provocaron danos que aconsellan renovala completamente por motivos de seguridade e de conservación, pero tamén de eficiencia enerxética.

Por outra banda, o modificado orzamentario tamén permitirá reforzar a partida dedicada ao arranxo de vías municipais con 87.183,46 euros que elevarán a contía dispoñible até máis de 107.000 euros (sen contar os investimentos do POS+). Con ese importe repararase a pista entre Vilarvello e Tiraz, levarase a cabo un paquete conxunto de camiños en Ferreira, Igrexafeita e Naraío e tamén se amañarán pistas en Cornide, Os Currás, A Rubiña e A Castiñeira. Outros 25.000 euros dedicaranse a servizos básicos de saneamento e abastecemento na zona da Portela e do Camiño Arriba.

En canto a equipamentos, a parte de remanentes de 2021 que se incorporarán ao Orzamento 2022 comprende algo máis de 11.400 euros para a sonorización do Pavillón Municipal e 5.000 para a instalación de asentos individuais nas bancadas do campo de fútbol da piscina.

A contía de maior importe -e quizais tamén a de maior importancia pola súa finalidade- ascende a 30.000 euros, cos que se mercarán guindastres e camas articuladas destinadas aos servizos asistenciais que presta o Servizo de Axuda no Fogar.

A sesión plenaria está posta en primeira convocatoria para as 19:30h deste mércores 26 de outubro. Nela, como primeiro asunto, votarase a Conta Xeral de 2021, onde se describe o estado da economía municipal ao peche do pasado exercicio. O documento apunta 1.197.262,63 euros de fondos líquidos e un resultado orzamentario axustado de 104.170,15.

Os remanentes de tesouraría para gastos xerais ascenden, segundo o informe da Secretaría-Intervención municipal, a 1.214.102,52€, dos cales se destinarán algo máis de 358.500 ao reforzo ou creación de novas partidas para sufragar os investimentos que se votarán no punto segundo da sesión.

 

Share.