O pleno aproba concorrer ás axudas do programa DUS-5000

0

A corporación de San Sadurniño reuniuse ao completo no serán deste luns para tratar a participación do Concello na convocatoria de axudas para actuacións integrais en sostenibilidade e aforro enerxético DUS-5000, dirixida a municipios de ata 5.000 habitantes (ou 20.000 pero con núcleos que non superen esa cifra). Os tres grupos municipais estiveron de acordo en apoiar a proposta do Goberno local, o que non quere dicir que non houbese debate e, de feito, houbo controversia abonda que nada tiña que ver co asunto principal, senón cos distintos pareceres do BNG e PP sobre a urxencia da convocatoria e de que se celebrasen dous plenos extraordinarios con menos dunha semana de diferenza.

O primeiro que se votou foi, precisamente, o carácter urxente da sesión, marcado polo inminente remate do prazo de presentación das axudas. O BNG e o representante do PSOE votaron a favor da urxencia mentres que o PP o fixo en contra, argumentando posteriormente que o asunto puido terse tratado no pleno da semana pasada -tamén urxente para aprobar a Conta Xeral e a incoporación ao orzamento 358.000 euros de remanentes do 2021- ou ben terse xuntado todos os temas para a convocatoria deste luns. “Ou pasalo todo a este (pleno) ou facelo o mercores pasado, todo nun”, criticou María Belén Trigo.

Neste sentido, o Grupo de Goberno respostou que a consultora que deseñou os proxectos para o DUS-5000 recomendou que a solicitude obtivese previamente o respaldo plenario e, ao respecto da celebración de dous plenos tan cercanos no tempo, o executivo tamén explicou que no momento de convocar a sesión do mércores pasado aínda non se dispoñía de toda a documentación necesaria. Abondando na cuestión, o alcalde, Secundino García, lamentou que o Partido Popular votase en contra “nunha decisión desta trascendencia”. “Se todos votásemos que non, non poderiamos debater isto e non poderiamos facer a solicitude. Afortunadamente unha maioría da corporación entende que é importante solicitar esta axuda”.

Na explicación das actuacións que se pretenden levar a cabo con cargo ao plan estatal financiado con fondos Next Generation, o BNG sostivo que con elas se buscan compensar os incrementos no gasto enerxético, ademais dun aforro “beneficioso para a veciñanza” por canto, neste momento, o encarecemento das subministracións “lastra enormemente” na capacidade dos concellos para “para facer investimentos e para ofrecerlle servizos de calidade”.

Os proxectos ascenden a 4,3 millóns de euros distribuídos nas cinco medidas do programa: eficiencia enerxética en edificios públicos, a instalación de sistemas renovables para autoconsumo, a implantación de sistemas de climatización baseados en fontes limpas, a iluminación eficiente e a mobilidade sostible. Neste sentido incluíronse a mellora do illamento e da Casa da Xuventude, un sistema de calefacción por aerotermia para este inmoble e tamén para a Casa do Concello, a instalación de paneis fotovoltaicos para subministrar as dependencias municipais, a renovación completa da rede de iluminación pública, o cambio das furgonetas municipais de combustión interna por vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga.

O representante do PSOE, Lois Anxo Rodríguez, cualificou a solicitude como “moi positiva”, louvando ademais que o Estado sacase esta convocatoria de axudas para concellos pequenos pensando na sostenibilidade ambiental e no  fomento do autoconsumo “cando hai uns anos estabamos falando dun imposto ao sol”, ironizou Rodríguez referíndose ao gravame introducido  polo Partido Popular en 2015 ás instalacións de autosuficiencia enerxética.

Malia votar en contra da urxencia, o PP deulle o seu apoio á solicitude do DUS-5000 cualificándoa tamén de “positiva” para, deseguido, lembrar que as axudas se convocaron o ano pasado mediante adxudicación directa até esgotar os fondos (325 millóns de euros) e que, por este motivo, “a ver se temos sorte de que nos chegue algunha a estas alturas”, dixo María Belén Trigo. A representante popular tamén preguntou os motivos de que a obra de mellora da galería municipal -da que se falou no pleno da semana pasada- non fose incluída entre os proxectos que optarán á financiación estatal.

Sobre esta última cuestión, o Goberno local aclarou que a obra na galería non tería encaixe no DUS-5000 por tratarse dunha actuación de “conservación do patrimonio” que debe axustarse aos materiais orixinais -“non imos poñer aluminio nin pvc”, dixo Mari Carme Muíño- e que, polo tanto “non sería financiable” por non poder cumprir coas cualificacións de eficiencia enerxética esixidas na convocatoria.

Con respecto a que a solicitude das axudas se vaia presentar cerca do remate do prazo -o próximo 7 de novembro-, Muíño defendeu o labor desenvolvido nos últimos meses polo Concello: “identificar as necesidades, a súa valoración e o deseño dos proxectos, non é algo que se faga nunha semana”. Incidiu en que, á marxe da data límite para presentar a documentación, o DUS-5000 “é unha oportunidade, cun investimento de tal envergadura que poucas veces imos ter”.

O asunto votouse e aprobouse por unanimidade 21 minutos despois do comezo da sesión.

Share.